Concéntranse diante de Medio Ambiente para pedir o fechamento do vertedoiro Santiago-Miramontes

Concentración polo vertedoiro miramontes na Xunta (Arxina).
Varios colectivos concentráronse diante da Consellaría de Medio Ambiente para protestar polas condicións do vertedoiro de Grixoa.
A Plataforma de Afectados polo Vertedoiro Santiago-Miramontes concentrouse esta mañá diante da Consellaría de Medio Ambiente en Compostela para denunciar a situación deste vertedoiro, que recentemente volveu arder.

A Plataforma de Afectados polo Vertedoiro de Santiago de Compostela-Miramontes, a Plataforma de Casalonga Limpa de Residuos de Teo e a asociación ecoloxista ADEGA levaron pancartas nas que alertaban dos riscos medio ambientais e para a saúde das persoas que supón o mantemento da actividade neste punto de acumulación de lixo, que está "a menos de 400 metros das vivendas".

No manifesto que leron diante da Consellaría instaron a Xunta, unha vez máis, a fechar o vertedoiro "por constatados lixiviados e escoamentos do Complexo Ambiental", "porque o vial de acceso incumpre o límite de tonelaxe xa que está só habilitado para a empresa de áridos e non para o volume e tránsito de camións que soporta, "por cheiros ocasionados ás parroquias limítrofes", "porque o lixo non se enterra" e "pola inexistencia dun canon ás verteduras e á incineración de residuos xa que resulta máis barato soterrar ou queimar que xestionar correctamente o lixo".

Así mesmo, criticaron a "nefasta xestión" de residuos do Goberno galego e a "falla de implicación" de Medio Ambiente "na correcta xestión dos biorresiduos a través da compostaxe in situ e en pequenas plantas".

 "A cantidade de materia orgánica que está depositada no vaso é moi superior a 10% permitido e recollido no proxecto construtivo do vertedoiro", manifestaba a veciñanza na denuncia que presentaron diante da Fiscalía para que estude o feche do vertedoiro.

A Fiscalía de Medio Ambiente xa trasladou ao xulgado o ano pasado información para avaliar un posíbel delito medio ambiental contra as empresas xestoras do vertedoiro e da planta de elaboración de tecnosolos da canteira de Miramontes, Sertego Servicios Medioambientais SL e Tecnosolos Galaicos SL.