A Fiscalía leva ao xulgado o vertedoiro de Miramontes, en Compostela

Imaxe do vertedoiro de Miramontes. Cedida

Tamén a planta de tecnosolos da canteira ubicada no mesmo lugar compostelán.

A Fiscalía de Medio Ambiente informou a Plataforma de Afectados polo Vertedoiro de Santiago de Compostela - Miramontes de que trasladou ao xulgado sendas querelas contra as empresas xestoras do vertedoiro e da planta de elaboración de tecnosolos da canteira de Miramontes, Sertego Servicios Medioambientais SL e Tecnosolos Galaicos SL; acción derivada das denuncias da Plataforma, o Concello de Santiago e da Federación de Asociacións Veciñais do Rural de Santiago.

 

A Fiscalía considera, no que atinxe á canteira, que a mala xestión pode supoñer un posíbel delito medio ambiental (art. 325 e seguintes do Código Penal. “Na actualidade está depositada no vertedoiro moita máis materia orgánica que a permitida polo seu proxecto construtivo, orixinando problemas como os cheiros procedentes dos gases e comprometendo a seguridade do propio vertedoiro”, indica a Plataforma.

 

En relación á planta de tecnosolos, que xa conta con dous expedientes sancionadores da Xunta, a Fiscalía tamén traslada denuncia ao xulgado pola posíbel comisión dun delito ambiental: “Os lixiviados procedentes da acumulación de residuos fóra da planta e directamente sobre o terreo afectan ao entorno, concretamente ao Gatofero, río afluente do Tambre, e pode afectar a algunhas captacións de auga para consumo humano”.

 

Ademais, acrecenta o colectivo, a instalación tamén superou a súa capacidade de xestión, “excedendo amplamente os máximos permitidos pola súa autorización. O fiscal considera que a empresa era plenamente consciente dos feitos e que se lucraba con eles”.