Concentración ante o Sergas demanda a fin dos "recortes" en Atención Primaria

Imaxe da concentración ante o Sergas (Foto: Europa Press)
Defenden un plan de ordenación de recursos humanos en Atención Primaria que, en vista das próximas xubilacións, contemple máis contratacións e dea "estabilidade" ao persoal.

Os sindicatos CIG, CC.OO., UXT, CSIF e Satse concentráronse esta terza feira fronte á Consellaría de Sanidade en Santiago para reclamar á Administración que abra negociacións para, entre outros asuntos, implantar un plan de ordenación de recursos humanos en Atención Primaria que, en vista das próximas xubilacións, contemple máis contratacións e dea "estabilidade" ao persoal.

Esta protesta, na que participaron ao redor dun centenar de traballadores e delegados sindicais cunha gran pancarta que rezaba 'Non máis recortes', desenvolveuse  unha hora antes da reunión da Mesa Sectorial de Sanidade que a Consellaría convocou para as 12,00 do mediodía, segundo ratificaron a Europa Press fontes deste departamento.

"Curiosamente, o día que fixemos a rolda de prensa (a pasada quinta feira) e anunciamos esta concentración para esixir o dereito a negociación, enviaron unha convocatoria de Mesa Sectorial", apuntou a secretaria de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, en declaracións aos medios. No entanto, Abuín denunciou que a orde do día desta reunión é "amplísimo", polo que contará, previsibelmente, co rexeitamento das organizacións. E é que os representantes dos traballadores e traballadoras buscarán centrar a negociación en "temas que afectan prioritariamente á Atención Primaria" con "falta de persoal, de organización e de planificación".

Cadro de persoal

"Non queremos que a Mesa Sectorial se converta só nunha mesa de información na que se nos diga só a ampliación do cadro de persoal que se vai a facer a través dos orzamentos", engadiu a responsábel de CIG-Saúde, en referencia ás contas da Xunta para 2022 que o Consello da Xunta aprobou esta segunda feira, antes da súa remisión ao Parlamento.

De acordo con Abuín, "o único" que contemplan os orzamentos é "a consolidación de prazas que xa están cubertas con contratos temporais", algo que os sindicatos ven "moi positivo" mais que "non achega ningunha solución á falta de persoal en Atención Primaria".

"As listas de espera son máis grandes que nunca, a atención presencial está máis baixa do que nunca estivo e o Sergas, aínda que ofrece algunha solución e estabilidade (...) para poder paliar esta crise, non é suficiente"

Por iso, os sindicatos exporán ante a Administración un plan de ordenación de recursos humanos que identifique as necesidades que hai e "cales van ser as posíbeis xubilacións de futuro". Así mesmo, dixo Abuín, reclamarán a incorporación de "novos profesionais", nomeadamente Psicoloxía Clínica e "outros que dean resposta á situación da sanidade".

Pola súa banda, o secretario xeral de Sanidade en CCOO Galiza, Javier González, incidiu en que "xa non hai posibilidade de esconder debaixo da alfombra a situación da Atención Primaria", porque os seus problemas son padecidos "en primeira persona" polos cidadáns. "Non queremos ser meros espectadores e que se nos informe cada ano das novidades que vai haber, que basicamente é repoñer parte do persoal que se vai xubilando. O que queremos é un plan a futuro que palíe a situación", agregou.

Desde UXT, o seu responsábel sanitario na Galiza, Javier Martínez, lamentou que, se a situación en Atención Primaria "foi de mal a peor" nos últimos anos, a pandemia non a mellorou: "Se nos fixesen un test de tensión como noutras entidades, non o superamos". "As listas de espera son máis grandes que nunca, a atención presencial está máis baixa do que nunca estivo e o Sergas, aínda que ofrece algunha solución e estabilidade (...) para poder paliar esta crise, non é suficiente", resumiu.

A xuízo de Martínez, os centros de saúde deben ser "resolutivos" e "accesíbeis", así como estar "adaptados a esta pandemia e ás futuras". Para iso, avoga por dotar de "estabilidade" aos profesionais a través de condicións de traballo "dignas" para que "non se vaian".

En canto ao sindicato Satse, que representa enfermeiras, matronas e fisioterapeutas, entre outros colectivos, a súa secretaria xeral na Galiza, Malules Carbajo, puxo sobre a mesa que "evidentemente o Sergas ten un problema" cuxa solución é "aumentar o número de profesionais" que traballan na Primaria.

Por parte de CSIF, Carlos Castro espera que na Mesa Sectorial a Administración "sente en serio a falar" e "comunique unha contratación de cadro suficiente" que permita aos sindicatos "desconvocar as concentracións".