Concentración contra a corta masiva de carballos en Cerdedo

Carballo en Cerdedo
Despois da denuncia de que o alcalde do concello de Cerdedo, Silvestre José Balseiros Guinarte (PP), ordenara a corta de árbores autóctonas, a Federación Ecoloxista Galega convocou un acto en protesta na Carballeira de Meilide para o día 21 de xullo ás 20 horas.

"As políticas forestais das nosas administracións están a levar á desaparición aos nosos sistemas forestais naturais", aseguran desde a Federación Ecoloxista galega (FEG). E a mala xestión dos recursos tamén, polo que asegura esta entidade que organiza para o 21 de xullo ás 20 horas unha protesta masiva pola proposta do alcalde de Cerdedo, Silvestre José Balseiros Guinarte (PP), de corta masiva de carballos. Segundo comunicou no seu momento o concello, amparándose nunha suposta xestión de biomasa para a prevención de lumes e facendo unha lectura tendenciosa da Lei 3/2007, debíanse eliminar algunhas especies que podían provocar incendios, sen contar coas autóctonas non pirófitas e polo tanto protectoras dos incendios, moitas delas de grande antiguidade.

O alcalde respondeu poñendo como límite para a corta o mes de febreiro de 2013

O alcalde respondeu ás denuncias realizadas desde hai días poñendo como límite para a corta o mes de febreiro de 2013 e xa fala das "molestias" aos camións de grande tonelaxe (os que superan as 10 Toneladas, como os que empregan as empresas madeireiras e as do Parque Eólico de O Seixo.

Propostas contra ao lume
A FEG propón combater o lume forestal cunha "prevención a medio e longo prazo, que diminúa a cantidade e calidade do combustible do monte, que fomente os recursos sostibles, que protexa a biodiversidade e que mellore a percepción e o uso social do monte". Porén a política da Xunta, como tamén a dalgúns gobernos municipais como o de Cerdedo, "van en sentido contrario e amosan unha grande falla de interese por un futuro sostible dos nosos recursos forestais", segundo denuncian @s ecoloxístas.
"Compre seguir presionando para que ningunha árbore autóctona se corte", asegura o historiador Dionisio Pereira, membro da asociación Verbo Xido. "Nós denunciaremos as cortas fora da normativa vixente, e esiximos a Xunta dedique máis fondos e máis persoal á extinción e prevención dos lumes, agora que chegou a calor e o combustible no monte nunca estivo tan descoidado e perigoso, lembremos o que aconteceu no 2006", apunta Pereira. E as presións están a afectar ao propio alcalde, segundo Dolores Varela, presidenta de Verbo Xido, "até o punto de que primeiro informou deste tema cun edicto e logo pasou a ser un bando". De todos os xeitos Varela asegura que o comportamento do responsábel do concello é "autoritario" e "ilegal" posto que non conta coa Lei de Incendios de 2007. "Nós tamén queremos que estén limpos os viais dous metros a cada lado, mais de matogueiras e eucaliptos, as árbores autóctonas non provocan incendios".
Ademais das asociacións ecoloxistas que participan da FEG apoian esta protesta Asociación galega de apicultura (AGA), A.C. O arrieiro (Moraña), A. A oliveira (Teo), A.C. Vagalumes (A Estrada), A.S. Cedofeita (Lérez), BNG, Comunidade de Montes de Meilide, Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (OGCMVMC), PSdeG-PSOE, Sindicato Labrego Galego e S. C. e D. de Raxó.