Por que arde o monte? As políticas florestais e de prevención da Xunta, a debate

Imaxe: Plataforma pola Defensa das Fragas do Eume
Após a mobilización d@s traballador@s de Seaga e perante o acordo asinado cunha empresa vinculada ao ex conselleiro do Medio Rural de Fraga, a Gentalha do Pichel propón a reflexión sobre as accións que están a se aplicar e aqueloutras, máis acaídas, que se van botando embaixo

As causas e consecuencias que fan arder o monte galego, e as políticas florestais e de prevención postas en marcha no pasado e no presente colocadas no espello das que se deberan ter aplicado. Son os dous temas ao redor dos que xirará a palestra anunciada para esta quinta feira ás oito e media do serán no local social da Gentalha do Pichel, en Compostela.

O acto chega após a mobilización de máis de 200 traballador@s de Seaga na capital da Galiza, para reivindicar un servizo de extinción de incendios público e profesional. Na xornada de protesta, convocada por CIG-Servizos e que "curiosamente" cadrou coa convocatoria de probas para o exame de pe

rsoal por parte da Xunta, minguando a participación d@s operari@s, estas incidiron na redución do operativo e das contratacións a través da empresa pública, xa que o Goberno galego optou por contratar, a través de Natutecnia, as brigadas helitransportadas, priorizando o persoal sen experiencia fronte ao que traballou en campañas anteriores. Todo para evitar recoñecer a condición de fixos discontinuos e a menos dunha semana do inicio do periodo de alto risco de lumes forestais na Galiza.

Tamén as formacións políticas arremeteron contra a Xunta pola política florestal anunciada no recentemente publicado Plan de Prevención e Defensa Contra Incendios florestales da Galiza --Pladiga--. Así, o PSOE, a responsábel de Medio Rural Ana Doval acusou a Alberto Núñez Feijóo de querer converter o lume "nun negocio", apuntando directamente cara o proceso "de privatización" que está a seguir a conselleira do ramo, Rosa Quintana, ao contratar as brigadas con Natutecnia, empresa vinculada ao que foi conselleiro do Medio Rural durante o Goberno de Manuel Fraga, Carlos del Álamo.

Desde o BNG, a voceira do grupo parlamentario nacionalista Ana Pontón exixiu da Xunta que recúe na tramitación dunha lei, a de Montes, "que desmantela a política de prevención e loita contra incendios" impulsada polo bipartito e con Alfredo Suárez Canal á fronte do departamento de Medio Rural, alén de "privatizar" os montes veciñais. Segundo considerou Pontón, a aprobación desta norma vai supor, na práctica, "unha limitación da protección dos cidadáns fronte aos incendios".

Sobre todas estas cuestións falarase na palestra que organiza a Gentalha, na que están convidad@s Ana González, veciña de Monfero e activista social, que dará conta da resposta organizada que o pobo deu aos lumes nas Fragas do Eume; Pedro Alonso, técnico ambiental, que repasará as políticas florestais pasadas e presentes; e Paulo Rubido, traballador do Seaga e secretario nacional de CIG-Servizos, quen denunciará as accións de prevención reais que están a ser aplicadas e aqueloutras que deberían aplicarse nos montes do País.