Cerdedo quere que a veciñanza teña a responsabilidade da prevención de incendios

Edicto de obriga de tala de árbores en Cerdedo
'Verbo Xido' denuncia que o concello obriga a cortar, sen excepción, aquelas árbores que esten a dous metros dos viais municipais. Árbores autóctonas, como son os carballos, teñen os seus días contados neste municipio pontevedrés.

A Asociación Ecoloxista e Cultural 'Verbo Xido' de Cerdedo denunciou que o alcalde ven de distribuir un novo escrito dirixido á veciñanza no que se volve a insistir, deturpando unha vez máis o sentido da Lei 3/2007 sobre prevención de incendios, na obriga de cortar sen excepción todas aquelas árbores que esten a dous metros do talude dos viais municipais. "A interpretación da Lei por parte do Alcalde é sesgada, xa que nos artigos 22 e 23 así como na Disposición Adicional 3ª, queda claro que se deben respectar as especies autóctonas que, como no caso dos carballos, son especies pirófugas e fan de barreira no caso de incendio", sinalan desde 'Verbo Xido'.

A asociación ecoloxista e cultural e os veciños e veciñas consideran sería máis xusto que o Concello asumira os custos da limpeza deses viais


Veciñas e veciños de Cerdedo non levaron adiante a abusiva ordenanza municipal, e o Grupo de Goberno agora está a convocar reunións “informativas” que, en realidade, segundo 'Verbo Xido', serven para presionar a poboación. "Ademais", apuntan desde a asociación, que "traballador@s do Concello procederon xa á corta dalgunha madeira (carballos incluídos), amoreándoa no Punto Limpo e comunicando á xente que o custo desta actividade será cargado aos veciños a través do ORAL; mesmo, facendo gala dun autoritarismo trasnoitado, dando a entender que corren perigo de expropiación os terreos lindantes cos viais onde non se corten as árbores". para 'Verbo Xido' esta actuación é unha “alcaldada”, xa está a ocasionar discusións e disgustos entre os veciños que, como aconteceu noutros lugares, impediron a tala e presentaron un escrito de protesta no Concello.

Diante do perigo inminente que corren numerosas árbores autóctonas de todo o territorio municipal, a asociación ecoloxista e cultural e os veciños e veciñas consideran sería máis xusto que o Concello asumira os custos da limpeza deses viais, tal e como acontece noutros Concellos da zona, pola avanzada idade impropia para traballos físicos de parte d@s afectad@s. 'Verbo Xido' anuncia que está a promover, xunto con outros colectivos sociais de toda Galiza, un acto reivindicativo a prol dunha "verdadeira" prevención dos lumes, a prol da conservación do monte autóctono e contra actuacións agresivas e "depredadoras" coma as que denuncian do alcalde de Cercedo.