O Seaga retirou case 17.000 niños de velutina este ano

Imaxe de arquivo de vespas velutinas. (Foto: Europa Press)

Nos meses máis fríos descenderon os avisos, máis durante o verán recibíronse máis alertas da veciñanza, tamén porque xa non estaba vixente o confinamento. En agosto, por exemplo, houbo case 7.000 alertas.

Os 285 concellos que forman parte do Plan de loita contra a vespa velutina e a Xunta retiraron máis de 16.700 niños desta especie no ano que remata. Nesta cuarta feira as partes fixeron balance do traballo e acordaron renovar esta encomenda á empresa pública Seaga.

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, concretou que o operativo conformado por 80 persoas foi quen de eliminar eses case 17.000 niños por todo o país.

A gran maioría foron atopados na costa Atlántica, máis no interior chegaron a eliminarse máis de 3.300 colonias desta especie que supón unha ameaza para o ecosistema. “A maioría foron retirados nun prazo de menos de cinco días hábiles”, incidiu. A media sairía, por tanto, en practicamente 46 núcleos en cada xornada.

No entanto, tamén hai colmeas que se deixan inactivas nas árbores por estar en lugares inaccesíbeis para a poboación e a máis de 25 metros de altura.

Os avisos por parte das galegas e galegos chegaron sobre todo no verán, se ben a Xunta non vincula esta situación coa pandemia. Porén, é certo que unha vez se puido saír se detectou máis a presenza das velutinas. En agosto rexistrouse o máximo de alertas: case 7.000.

Por contra, no primeiro semestre e ao longo deste mes de decembro houbo menos chamadas porque a meteoroloxía tamén afecta á inactividade dos niños. As persoas que avisaron recibiron, supostamente, unha mensaxe de texto para coñecer a resolución de cada tratamento ou expediente.

Houbo protocolos especiais polo coronavirus e se mercaron ferramentas actualizadas para poder facilitar as tarefas dos e das operarias. No novo ano tamén hai esa idea de seguir a colaborar cos concellos e a Fegamp, cos equipos de Emerxencias e a empresa Seaga para traballar na loita contra esta especie invasora.