A velutina fai estragos no mel galego

A presenza da vespa velutina está a supor un problema engadido para as persoas que se dedican á apicultura na Galiza. A meteoroloxía e a floración tardía afectan á produción nos panais, vítimas tamén dos ataques das velutinas. Desde a Asociación Galega de Apicultura exixen que se considere esta especie como praga.
Vespa velutina (Nós Diario)
photo_camera Vespa velutina (Nós Diario)

O mel galego é un manxar recoñecido pola súa calidade que depende en gran medida do tempo. Este ano, as abundantes choivas rexistradas na primavera e a floración tardía dalgunhas especies anticipa unha colleita escasa, que pode levar a unha suba dos prezos e á entrada de mel foráneo nos mercados.

Tamén foi un mal ano para as vespas velutinas, unha especie invasora chegada de Asia que pon en risco as colmeas galegas. Mais a súa presenza, lonxe de diminuír, mantívose estábel e agora comeza a aparecer. Nalgunhas zonas, como os municipios de costa, está a facelo con moita virulencia, segundo sinalan desde a Asociación Galega de Apicultura (AGA).

O seu portavoz, Xesús Asorey, explica que esta "praga" está a amosar "toda a súa furia" na Galiza, con niños "nas árbores, á beira de regatos, pero tamén no chan ou situados en muros co perigo que supón para a xente que vai rozar ou realizar labores no campo", apunta.

A súa presenza no territorio non é homoxénea. Así, Asorey matiza que nas zonas de montaña atrasou a súa presenza "ou hai algo menos" pola menor presenza de froita, aínda que medra en zonas de viñedos.

Nos últimos anos, a afectación na produción situouse de media entre 40% e 50%. Manuel Ferreira, presidente da asociación Casa do Mel das Pontes, recoñece a Nós Diario que este ano haberá produtores que queden "a cero" como consecuencia da escasa produción na primavera e o confinamento das abellas pola velutina, que "comerán o pouco mel que xuntaron". E a afección ás colmeas pode ir a máis se se dá unha seca nos meses de setembro e outubro, como xa aconteceu outros anos, advirte.

A eficacia do trampeo

Para facer fronte a esta situación, Ferreira aposta por "facer un bo trampeo de primavera e deixarse de escusas". Critica así a postura da Xunta, contraria a xeneralizar este método. "A velutina fai moito máis dano se non trampeamos cando saen as raíñas de invernar do que poidan facer esas trampas. Eles sábeno, mais non queren entender", lamenta este apicultor.

"Trampeando baixou moito a presión, pero ten que ser algo xeneralizado, porque do contrario non vale. De nada serve que un Concello trampee se o que ten ao lado non fai nada. E o mesmo entre veciños", apunta o responsábel de Casa do Mel, que opina que a Xunta debería "collelo en serio e deixarse de propagandas". "Cando eles queren, saben facelo, como pasou coa couza da pataca", lembra Ferreira.

Un método cuestionado

Até o momento, o papel da Xunta na loita contra a velutina limítase a un plan apoiado pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a retirada dos niños. Mais os apicultores consideran que a retirada dos niños por si soa non vai atallar a praga.

Neste senso, exixen do Executivo galego, ao que acusan de descoordinación, un plan global no que tamén se inclúa o trampeo na primavera, unha práctica que agora están a sufragar moitos concellos pola súa conta.

Os métodos que están a empregar desde o sector preséntanse moi variados. Son na súa maioría solucións caseiras como a eliminación dos niños con escopetas de balíns cun mínimo de insecticida, ou o uso de trampas nas que se atrae a vespa velutina cunha composición de auga, azucre e fermento.

Tamén hai apicultores que optan por instalar arpas eléctricas, uns bastidores con fíos de arame, enchufados a unha fonte de enerxía (que pode ser solar ou eléctrica) polo que logran pasar as abellas, mais non as velutinas.

Aínda con estas medidas, o portavoz da Asociación Galega de Apicultura insiste en que "non haberá resultados sen prevención, sen investigación e sen que a Unión Europea declare a velutina como praga para que haxa axudas destinadas aos sectores máis afectados". "E, por suposto, a retirada de niños", remarca.

Axudas pola praga

Precisamente a declaración da vespa velutina como praga é outro dos puntos que reclaman as persoas que se dedican á apicultura na Galiza.

Así, emprazan a Xunta a que inste o Goberno estatal a elevar esta petición á Unión Europea para que se poida artellar un sistema de axudas aos sectores afectados, fundamentalmente o da apicultura e a fruticultura, e medios para a retirada efectiva dos niños.

Nesta liña, desde AGA lembran que xunto aos prexuízos económicos, como son a caída da produción e a desaparición de moitas colmeas, están tamén os medioambientais, relacionados coa polinización, e os sanitarios, derivados dos ataques da vespa á poboación.

Comentarios