Serve o modelo balear para erradicar a velutina na Galiza?

O tamaño, a cor, a forma e a colocación do niño son chaves para a identificación da vespa velutina (Stop Velutina Asturias).
As Illes Balears veñen de confirmar que son territorio libre de vespa velutina. Os primeiros exemplares desta especie invasora apareceron en 2015 e, deseguida, comezaron a actuar. A súa estratexia contra a especie invasora baseouse no trampeo, na vixilancia e na retirada de niños, unha fórmula insuficiente para o caso galego.

"Galiza e as Illes Balears non teñen nada que ver", sentencia de primeiras Xesús Asorei, voceiro da Asociación Galega de Apicultura (AGA). Malia merecer todo o seu recoñecemento, a loita contra a avespa asiática que levaron a cabo nas illas mediterráneas e que lles valeu para se declarar como o primeiro territorio europeo en eliminar esta especie invasora, non se pode comparar coa que se desenvolve na Galiza. Os resultados non van ser os mesmos porque as condicións, nunha zona e noutra, son moi diferentes, así como a expansión da propia velutina.

Unha praga atlántica

"Esta especie atopou na Galiza un territorio moi propicio. Necesita moita auga e humidade, xa que logo, aquí estendeuse moi ben como praga fronte á presenza limitada que se deu nas Balears, moito máis secas", explica Asorei. 

Non hai color, recalca. E sinala como exemplo a cantidade de niños que se citan nun caso e noutro para pór en marcha un plan de erradicación eficaz. "Nas Illes Balears actuaron moi axiña, cando o número de niños estimados non chegaba sequera ao medio cento. Na Galiza falamos xa de perto de 100.000" salienta o portavoz dos apicultores galegos, quen pon o acento no carácter "atlántico" dunha praga que entrou na Península Ibérica por Francia no ano 2010. "Entón avanzou pola cornixa cantábrica até alcanzar Galiza en 2012. E hoxe reina desde Inglaterra até Lisboa, nunha franxa onde atopou o seu niño ecolóxico máis favorábel".

Localización de niños

A estratexia balear, estabelecida no momento en que detectaron os primeiros exemplares de velutina en 2015, consistiu na creación dunha rede de trampeo, na vixilancia estreita dos cebos, na busca activa de niños coa colaboración cidadá e na retirada manual dos niños localizados. Un modelo que non se desmarca da experiencia galega pero que bate cun escenario totalmente distinto, tanto pola abundancia da especie como pola calidade da paisaxe.

Neste momento non se pensa en eliminar a velutina, senón en reducir a súa poboación para diminuír o dano que causa na saúde e na produción

"Sería moi interesante avanzar na localización de niños, pero non hai un sistema infalíbel para dar con eles. Agora no outono vense moitos, pero non ten sentido eliminalos porque xa é tarde", di Xesús Asorei. O método de observación e seguimento da velutina que desenvolveron nas Illes Balears para localizar o seu paradoiro, póndolles alimento e trazando unha ruta visual até os niños, mesmo coa axuda de prismáticos "é inviábel na Galiza", engade. "Aquí perderíamos a pista da velutina aos 10 metros. Temos moitos arboredos e regatos. Sería un traballo moi exhaustivo, impensábel para un campo de acción tan amplo como o noso".

Investigación 

As achegas da Administración, trampas atraentes na primavera para capturar raíñas, de 2,3 millóns de euros no verán para a retirada de niños a través de Seaga, "tampouco son suficientes". "Cando chegou a avespa asiática restáronlle importancia e agora, en termos do que é a praga, os resultados apenas teñen impacto"  no control dunha especie exótica que constitúe "un grave problema social e medioambiental, porque á parte de abellas, as velutinas cazan outros moitos insectos polinizadores imprescindíbeis para a conservación da biodiversidade".

Así, conclúe Asorei, "o que nos queda é a investigación. Neste momento non se pensa en eliminar a velutina, senón en reducir a súa poboación para diminuír o dano que causa na saúde e na produción". Mediante a loita biolóxica, a implicación da UE e unha mellor coordinación dos esforzos que se fan a nivel local.