Os concellos ven "insuficiente" e "pouco ambicioso" o Plan de xestión das Fragas do Eume da Xunta

Fragas do Eume. (Foto: Europa Press)
O Executivo galego presentou as liñas mestras de actuación no parque natural durante os vindeiros dez anos.

O Goberno galego someteu esta terza feira a coñecemento da xunta reitora do parque das Fragas do Eume o documento no que se recolle o Plan de uso e xestión deste espazo natural (PRUX), destinado a “orientar o futuro desenvolvemento económico e medioambiental deste espazo durante os vindeiros anos”.

A principal novidade do PRUX é que estabelece a nova zonificación das case 10.000 hectáreas que conforman as Fragas do Eume. O documento tamén especifica os usos permitidos en cada unha das franxas desde o punto de vista agrogandeiro, forestal e recreativo, entre outros.

Porén, para os concellos que integran a comarca do Eume e en cuxo territorio se atopa o parque natural -Cabanas, A Capela, Monfero, Pontedeume e As Pontes-, o documento presentado pola Xunta é “claramente insuficiente” e “pouco ambicioso”, tal e como o define o tenente de alcalde de Cabanas, Iago Varela, a Nós Diario.

“O novo PRUX prevé un espazo de protección estrita de só 3,5% do terreo total que forma parte das Fragas do Eume”, lamenta o tenente de alcalde, quen considera “imprescindíbel” a elaboración e aprobación deste plan, mais matiza que debe ir moito máis alá do presentado por agora polo Executivo de Alfonso Rueda.

Falta de recursos e de persoal

O edil cabanés tamén criticou que o Plan de xestión das Fragas do Eume non contemple ningún tipo de figura compensatoria para as persoas propietarias de terreos que forman parte do parque. “Tendo en conta que 80% das Fragas do Eume pertence a mans privadas, compensar os propietarios polas limitacións de uso das súas parcelas debería estar sobre a mesa”, engade Varela.

Por outra parte, o tenente de alcalde tamén sostén que outro dos puntos de desacordo do PRUX e a dotación de persoal para o mantemento do espazo natural, que coa última proposta da Xunta manteríase igual. “Non semella moi viábel se aínda por enriba de manter o mesmo persoal, agora lles imos encomendar máis funcións”, salientou.

Para Varela, o orzamento destinado á xestión das Fragas do Eume tamén é insuficiente. En concreto, o Executivo galego prevé unha partida orzamentaria de 2 millóns de euros entre 2023 e 2032, cun gasto medio de 200.000 euros anuais. Unha cantidade afastada dos 500.000 euros “como mínimo” que os concellos da comarca estiman que se deberían destinar.

Preguntado pola cuestión do diálogo entre os Gobernos municipais e a Xunta, o tenente de alcalde de Cabanas tamén sinalou o “pouco interese” do Goberno galego en escoitar e atender as propostas das entidades locais. “Antes de hoxe, a anterior reunión da xunta reitora decorreu en 2017; iso xa da boa mostra do seu interese polo diálogo”, concluíu.