Seis concellos súmanse aos fechamentos polo coronavirus, que se levantan noutras seis localidades

O Carballiño recuperou parte da actividade a semana pasada (Foto: Europa Press)

A tendencia "positiva, estábel e á baixa" que experimenta nos últimos días a situación epidemiolóxica na Galiza levou esta sexta feira a levantar algunhas restricións en Vedra, O Pino, Mugardos, Viveiro, Toén e San Cibrao, que se suman ao Carballiño pola boa evolución dos seus datos. Por contra, Cee, Dumbría e Muxía, Ribadumia, Meis e Meaño súmanse aos concellos con limitacións reforzadas, diante do aumento de contaxios. As sete cidades, polo de agora, manteñen o fechamento perimetral e o resto de limitacións. 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou esta sexta feira o aumento de restricións que comezarán a aplicarse mañá nos concellos de, por unha banda, Cee, Dumbría e Muxía e, na comarca do Salnés, Ribadumia, Meis e Meaño.

Os dous conxuntos pasarán a fecharse de forma perimetral e elevarán a nivel 3 as limitacións, o que implica a suspensión da actividade non esencial, incluída a hostaleira, e a prohibición de contactos sociais con persoas non conviventes. 

Por contra, a "boa evolución" dos datos epidemiolóxicos en Vedra, O Pino, Mugardos, Viveiro, Toén e San Cibrao, cunha incidencia acumulada a 14 días por debaixo de 100, fai que os seis municipios vexan rebaixadas as restricións: recupérase a mobilidade en todos eles e volve o nivel 2 para a actividade, o que permite a locais de hostalaría e restauración reabrir, con 50% de capacidade no interior (sen servizo de barra) e 75% na terraza. As xuntanzas, en espazos abertos ou fechados, poderán ser dun máximo de seis persoas. 

Así se decidiu na reunión que manteñen de forma periódica dirixentes da Xunta co comité clínico que está a asesorar na xestión da pandemia, na que se optou por manter as limitacións reforzadas que rexen nas sete cidades e noutros 55 concellos malia a "tendencia positiva, estábel e á baixa" da situación sanitaria a nivel galego. Hoxe, os datos achegados polo Sergas apuntaban 441 novos contaxios, cun descenso de 127 nos activos, que se sitúan en 8.452.

"A situación na Galiza vai mellorando, o que significa que as medidas restritivas funcionan e que o esforzo que se está a pedir á cidadanía, e sobre todo á hostalaría, ten consecuencias positivas", apuntou na comparecencia desta sexta feira o doutor Pedro Parrondo, membro do subcomité clínico, quen salientou especialmente a mellora en Ourense e Compostela

Sobre as dúas urbes, das que o conselleiro avanzou que poderán cambiar de nivel de restrición en canto os datos, "francamente positivos", teñan algo máis de estabilidade, rexistran unha incidencia acumulada a 14 días de 149 e 124. Por detrás queda A Coruña, que tamén "mellora", cunha unha incidencia acumulada a 14 días de 171.

De Ferrol, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, recoñeceu unha "franca melloría", e de Lugo, salientou que se atopa "estábel e con descenso". En Vigo e Pontevedra, os datos de incidencia acumulada non baixan de 300 a 14 días, mais a situación, a ollos de Durán, é de "estabilidade con algo de descenso", se ben o conselleiro admitiu que a de Pontevedra e a súa contorna "non é tan axeitada como nos gustaría". En ambas as dúas faranse cribados para "reforzar a detección e seguimento". 

Nestas condicións, avanzou que na vindeira reunión do comité clínico, o 1 de decembro, está previsto validar o modelo que rexerá a flexibilización das limitacións actuais en función da evolución.

Como adiantou Comesaña, o plan diferenciará as medidas en función da poboación, con solucións distintas dependendo de se o municipio ten máis ou menos de 10.000 habitantes. O documento, indicou o conselleiro, "escoitará" as propostas do sector da hostalaría para a reapertura.