Cita previa para ir á praia? É o modelo sobre o que está a traballar a Xunta

Praia das Dornas, na Illa de Ons [Imaxe: turismo.gal]

O Goberno galego traballa na plataforma Praias Seguras de Galiza, unha ferramenta para que ás persoas que queiran ir á praia obteñan unha acreditación para acceder a un areal determinado nunha data seleccionada.

A Xunta está a traballar no desenvolvemento dunha ferramenta, Praias Seguras da Galiza para, tendo en conta o aforo das praias galegas, regular o acceso ás mesmas cun sistema de “cita previa” semellante ao que se emprega na Praia das Catedrais.

A Xunta anuncia que porá a disposición dos concellos esa plataforma para “facilitarlles a xestión do acceso dos cidadáns aos areais este verán”.

Esta ferramenta permitirá ás persoas interesadas obter unha acreditación para acceder a unha praia determinada nunha data seleccionada, cun mecanismo similar ao empregado na praias das Catedrais.

A plataforma integrará a información do catálogo galego de praias do Instituto de Estudo do Territorio, que ofrece información xeográfica de cada areal para poder determinar a súa capacidade de carga máxima.

Nos vindeiros días a Xunta presentará a plataforma á FEGAMP para que aqueles concellos interesados en empregala poidan adherirse ao seu uso a través da sinatura dun convenio.

A Consellería de Medio Ambiente, a través do Instituto de Estudos do Territorio, dispón do visor do Catálogo de Praias da Galiza, que permite obter datos sobre a superficie exacta de cada areal e outra información valiosa para poder determinar a súa capacidade de carga ou ocupación máxima, en función dos criterios que se fixen por parte do Goberno do Estado.

Aforo para casde un millón de persoas

Galiza conta con 960 praias que suman máis de 18,75 millóns de metros cadrados de superficie. En canto ao aforo máximo das praias galegas, a Xunta indica que está calculado nun total de 939.520 persoas.