Reabre dúas veces por semana o paso fronteirizo da Limia

Unicamente tres dos 27 pasos fronteirizos permiten a mobilidade entre Galiza e Portugal. (Europa Press)
Coa reapertura do paso que une A Limia con Portugal, Galiza gaña un terceiro punto de conexión co territorio luso, dos 27 que funcionan de maneira ordinaria. Entidades como a AECT Río Miño reclaman o levantamento total das restricións de mobilidade, polas repercusións do peche na actividade económica e social. 

Desde onte, Galiza e Portugal gañan unha conexión para a mobilidade transfronteiriza, coa reapertura do paso de Calvos de Randín (na Limia) e Tourém (Montalegre), aínda que unicamente dúas veces por semana, na segunda e quinta feiras, e cun horario taxado: de 6 a 8 horas e de 17 a 19 horas

É o terceiro punto que se activa, xunto co de Tui-Valença e o de  Chaves-Verín, que funcionan a diario, mais segue a representar unha mínima parte dos 27 pasos que conectan ambos os dous territorios, moi ligados económica e socialmente.

Esa forte vinculación, e o impacto que o feche da fronteira  –derivado da crise sanitaria da COVID-19– está a ter na súa actividade laboral, é un dos argumentos da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) do Río Miño para reclamar a apertura "urxente" de todos os pasos para facilitar a mobilidade co país veciño, así como a activación de instrumentos de compensación económica polas perdas producidas no territorio raiano.

O director desta entidade, o deputado Uxío Benítez, mantivo onte un encontro virtual cos presidentes da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), Jorge Cebreiros, da Confederación Empresarial do Alto Minho, Luis Ceia, e da Cámara de Comercio de Tui, Gumersindo Alonso, xunto co profesor Martínez Cobas, autor do estudo de impacto económico encargado polo AECT á Universidade de Vigo, para seguir sumando apoios á reivindicación pola reapertura dos pasos fronteirizos.

Co mesmo obxectivo, o director da AECT Río Miño mantivo tamén un encontro cos alcaldes e alcaldesas da fronteira do Miño, para perfilar accións de protesta conxunta e inminente "despois de que o ultimátum para a apertura de máis pasos fronteirizos con Portugal non fose atendido por ningunha das Administracións competentes", que xa se empezan a concretar coa colocación de pancartas.