Concellos da ‘raia’ con preto de 60.000 habitantes exixen a construción dunha autovía transfronteiriza

Imaxe de arquivo dun tren AVE. (Foto: Europa Press)
Quince municipios do sur galego e do norte portugués defenden que haxa unha infraestrutura que conecte toda a zona e que teña unha saída para a futura estación do AVE na Gudiña. Aseguran que podería axudar ao tecido empresarial da contorna e financiarse con fondos europeos.

Un total de quince concellos próximos á fronteira entre Galiza e Portugal -zona tamén coñecida como ‘a raia’- veñen de aprobar unha declaración institucional para demandar que as administracións públicas constrúan unha autovía transfronteiriza que os conecte.

Un dos principais obxectivos desta infraestrutura sería, segundo din, ter acceso á futura estación do AVE que estará situada na localidade da Gudiña.

O trazado que demandan implicaría o paso da estrada polo noroeste luso, as proximidades da A-52 e a estación ferroviaria. En concreto, esta autovía conectaría Macedo de Cavaleiros-Vinhais-A Gudiña.

Na Galiza a obra é demandada xa por nove concellos: A Gudiña, Riós, Cualedro, Monterrei, Viana do Bolo, Verín, A Mezquita, Vilardevós e Vilarino de Conso. Segundo datos do padrón de 2019, estes suman unha poboación dunhas 12.700 persoas.

Pola súa banda, ao outro lado da fronteira reclámana seis municipios que son Vinhais, Miranda do Douro, Mogadouro, Vila Flor, Macedo de Cavaleiros e Alfandega da Fé. Neste caso a veciñanza sería maior, quedando por enriba dos 45.000 individuos.

Maior "competitividade"

Entenden, ademais, que non só sería beneficioso para a veciñanza desas zonas senón para toda Galiza e o norte portugués porque “reforzaría a competitividade da eurorrexión e podería financiarse cos programas europeos” que premian este tipo de iniciativas conxuntas.

Supón unha ocasión única para incrementar as vantaxes competitivas precisas para o proceso do noroeste luso e das comarcas do sudeste galego”, destaca a declaración.

A esta reivindicación tamén se sumaron a Xunta e a Deputación ourensá. Estas institucións instan aos gobernos estatais dos dous países a acometer a construción da vía de comunicación.