Os concellos aplican as restricións sanitarias sen apenas información detallada a nivel local

As últimas cifras por coronavirus na Galiza (Carlos Sánchez Europa Press)
O rexedor socialista Abel Caballero anunciou que solicitará ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, máis datos sobre a incidencia da enfermidade no municipio vigués. O alcalde denunciou o "hermetismo e incapacidade de transparencia" da Administración galega.

Unha das bases para a contención da Covid-19 é a información detallada sobre a súa incidencia na poboación. Uns datos dos que dispón a Xunta da Galiza, mais dos que só unha parte chegan ao conxunto da cidadanía galega, carencia que vén sendo cuestionada por expertos, profesionais da sanidade ou representantes políticos.

Tampouco as alcaldías dos 313 concellos do país reciben información en profundidade das autoridades sanitarias. Así o denunciou onte o rexedor de Vigo, o socialista Abel Caballero, que anunciou que a reclamará ao presidente galego, o popular Alberto Núñez Feixoo, nunha misiva.

Caballero asegurou nunha rolda de prensa que o Executivo galego está a "ocultar" datos aos consistorios, que son a súa vez responsábeis de aplicar medidas de prevención e control da enfermidade.

O rexedor lamentou que descoñeza o nivel de incidencia da Covid-19 nas diferentes áreas da cidade olívica. Unha información que noutras grandes urbes galegas, como a de Ourense, Lugo e mais A Coruña motivaron a aplicación de restricións selectivas por barrios e que foron accesíbeis aos medios a través dos autos xudiciais que as aprobaron.

Falta de transparencia

Para o rexedor socialista, a falta desta información dificulta o labor de control que recae sobre a policía local ou o servizo de Protección Civil.

Ao fío disto, denunciou o "hermetismo e a incapacidade de transparencia" da Administración galega, engadindo que os datos dos que el mesmo dispón proceden do Ministerio de Sanidade. "Pero a Xunta nega a información ao Goberno da cidade máis importante da Galiza", insistiu.

Caballero fixo fincapé en que en ningún momento cuestionou nin criticou as decisións do Executivo galego en materia sanitaria.

Porén, neste caso viu preciso reclamarlle información en profundidade "para cooperar e actuar no ámbito das súas competencias". "Feixoo saberá o que fai, pero a responsabilidade é súa", argumentou, en relación á carta.