Os concellos advirten á Xunta das súas dificultades para cumplir o protocolo de Educación nos centros

Reunión da conselleira de Educación, Carmen Pomar, co presidente da Fegamp, Alberto Varela (Imaxe: Europa Press).
A Federación de ANPA rexeita xestionar os comedores escolares ou o Plan Madruga o vindeiro curso sen máis fondos e espazos para acoller a todo o alumnado. 

O protocolo para a volta as aulas elaborado pola Consellaría de Educación continúa a sumar voces en contra. O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alberto Varela, trasladou onte á responsábel do departamento, Carmen Pomar, o malestar das Administracións locais polos custos que vai supoñer para as súas arcas.

As directrices inclúen aumentar a frecuencia de limpezas e desinfeccións dos centros, que pasan a ser diarias nos aseos e nos espazos comúns. "Cárgase de obrigas aos Concellos, que non imos ter moita capacidade para asumilas", advertiu Varela, matizando que as Administracións locais están asfixiadas polas funcións que xa asumen.

Desde o municipalismo galego aseguran que a solución idónea a este problema pasa porque a Xunta asuma a responsabilidade destes labores, mentres a "inmediata" implica unha transferencia de fondos para que os consistorios non se vexan prexudicados.

Ambas opcións foron descartadas pola conselleira durante o encontro. Carmen Pomar ligou unha posíbel transferencia unicamente a que o Estado especifique que se debe empregar os seus fondos para ese fin. A responsábel de Educación comprometeuse a unha segunda reunión cando a Administración central determine os criterios desta partida. 

Varela amosouse  decepcionado por unha reunión "boa nas formas, pero mala no fondo". "Haberá Concellos que teñan moitos problemas para sufragar economicamente isto, ademais dos problemas técnicos e legais que poida haber por modificacións contractuais", advertiu.

As ANPA plántanse

Paralelamente, a Federación de Asociacións de Nais e Pais do Alumnado de centros públicos da provincia de Pontevedra (FANPA) anunciou na mesma xornada que deixará de xestionar os comedores escolares e o Plan Madruga no vindeiro curso, unha decisión que afecta á metade dos centros escolares.

A súa decisión vén motivada polo mesmo protocolo que ten en vilo ás Administracións locais. Segundo explicou o presidente da federación, Rogelio Carballo, o motivo é a "imposibilidade" de cumprir coas medidas impulsadas desde Educación. A maiores, as ANPA expresaron a súa negativa a organizaren actividades extraescolares.

Carballo precisou que as directrices de Educación non permiten atender "á totalidade das familias" ao reducir a capacidade dos comedores "a unha décima parte". E a FANPA rexeita a responsabilidade decidir que alumnado fica fóra destes servizos. "Non imos ser responsábeis dese conflito social", puntualizou Carballo.

Así, as familias trasladaron á Xunta unha petición similar á expresada polos sindicatos de Educación respecto das aulas, solicitando ampliar os espazos dedicados ao servizo de comedor e destinar máis fondos para poder incluír ao alumnado que o precise o curso que vén