A Covid-19 destapa as carencias da educación no rural

Aula baleira (Jesús Hellín/EP).
Supresión de profesorado, de unidades, de escolas, desconexión dixital e falta de recursos son algunhas das deficiencias que eivan a supervivencia do ensino nos ámbitos rurais galegos, segundo denuncian desde a comunidade escolar como "práctica habitual" da Xunta que agora, coas restricións derivadas da pandemia, dificultan aínda máis a educación pública lonxe das cidades.    
 

A irrupción da Covid-19 na planificación do curso escolar, que tanta contestación está a espertar en contra do protocolo deseñado desde a Xunta sen escoitar nin profesorado, nin centros, nin familias, veu sacar á luz algúns dos reversos da realidade educativa galega, como os que sofre o alumnado dos ámbitos rurais. Durante o confinamento, vilas e aldeas foron unha das saídas da poboación urbana para afrontar unha situación inédita de illamento obrigado mais, pasadas as semanas críticas, estes núcleos seguen a acusar as carencias endémicas en servizos públicos básicos, como os sanitarios, os sociais e os educativos. 

Semella, segundo estima Fernando Lacaci, presidente da Confederación Anpas Galegas, unha pescada que morde a cola. "Que vai primeiro? No rural non hai colexios porque non hai alumnado ou non hai alumnado porque non hai colexios?", pregúntase, coa resposta xa preparada. "O rural abandónase por falta de futuro, e cando se fan desaparecer centros de ensino ou se procede ao agrupamento de aulas atendendo unicamente a criterios de ratio, cando se reduce o máximo o profesorado... o que se está a facer é contribuír á súa desaparición", reflexiona, nunha crítica ás políticas educativas do Goberno galego. 

A plataforma de familias de centros públicos censura que ese é o procedemento que aplica de forma recorrente a Consellaría de Educación no ensino do rural, sen que as circunstancias extraordinarias que impón o coronavirus nas dinámicas docentes teñan mudado estes recortes, como os que denuncia Anpas Galegas en colexios como o San Ramón de Moeche. 

Unitarias na corda frouxa

En Brión, as familias das cinco crianzas matriculadas na escola unitaria da Luaña saben que, se non hai un cambio de última hora, o centro fechará no curso que entra por non chegar ao número mínimo de escolares, que a Xunta estabelece en seis.

Como expón Lucía Forján, representante das nais e pais do centro, aínda que a Consellaría de Educación non fixo ningunha comunicación oficial, coñecen o futuro da escola porque a mestra si recibiu a comunicación da supresión da súa praza. 

"A zona alta de Brión está totalmente abandonada, non temos parques infantís e a unitaria é o único espazo que teñen as pequenas e pequenos para socializar", lamenta a portavoz, e apela á excepcionalidade da situación sanitaria –necesidade de distanciamento social e masificación dos servizos complementarios do CEIP de Brión (transporte, comedor escolar...)– para solicitar á Xunta unha moratoria á clausura do centro que non ten visos de prosperar. 

"Propuxémoslle a Educación que, no canto de obrigar a trasladar os nosos nenos a outra escola, aproveite as prazas libres da unitaria –con capacidade para 12 escolares– para aliviar outros centros que están masificados", expón Forján, en consonancia co apuntamento que fan desde Anpas Galegas ao aludir a eses centros próximos a vilas que están fechados ou a punto de fechar "e que poderían usarse para liberar outros máis saturados". "O que ocorre é que o mantemento ten un custo e a Xunta o que trata de facer é eliminar custos, mediante o agrupamento de alumnado en centros para facer desaparecer outros", observa Lacaci.

O que ocorre en Brión non é excepcional, segundo fai notar Suso Bermello, portavoz nacional de CIG-Ensino, o sindicato maioritario no ámbito educativo galego. "Nas últimas semanas estamos asistindo, con total ocultación por parte da Xunta, ao fechamento de unidades e agrupamento de aulas para reunilas noutras máis amplas", expón, a través da información que o sindicato recibe, non da Administración, senón do profesorado cuxa praza se suprime, que é informado para que poida cursar petición de destino para o curso vindeiro. 

Segundo apunta o representante sindical, a verdadeira dimensión do recorte non se coñecerá até o mes de agosto, cando a Xunta publica no DOG a modificación do catálogo de postos de traballo, e as noticias que se reciben até agora chegan a contagotas. "O fechamento dunha aula nun centro de maior tamaño é máis difícil de controlar", advirte, antes de aludir á próxima supresión de "dúas ou tres" unitarias. "A Consellaría está a facer o que fai todos os anos, reducir aulas e postos, e o fai sen miramentos, como se estivesemos nun curso como calquera outro", critica Bermello. 

Aulas "burbulla"

A CIG é, con UXT, CCOO e ANPE, un dos sindicatos que está a liderar as protestas contra o plan da Xunta para a adaptación do inicio do curso que vén ao contexto do coronavirus. Entre as moitas críticas ao documento, o sindicato nacionalista destaca a relativa ao que o documento denomina "grupos de convivencia estábeis" para as etapas temperás, aulas de até 25 menores cuxos membros poderán socializar sen manter distancia interpersoal estrita, a cambio de "evitar" a interacción con outros grupos e persoal. 

"Esas 'aulas burbulla' das que se gaba a Consellaría, e que son unha falacia, si que serían máis factíbeis nas escolas do rural, suprimindo unicamente o profesorado especialista (música, educación física e idiomas, en Primaria)", reflexiona Bermello.

As dificultades que supón a aplicación do protocolo da Xunta coñéceas ben Camino Pereiro, directora do centro integrado Virxe de Cela de Monfero e parte da Nova Escola Galega, quen describe a carga administrativa e organizativa extra que ten que asumir o colexio contrarreloxo. "Entre a adaptación do documento, a adecuación das aulas e as instalacións, a separación de patios, o cambio de mobiliario, de horarios, a petición de permisos, de material... téñennos saturados en burocracia. Ao final o que importan son as persoas, mais parece que ás veces quedan esquecidas para cumprir normas estritas, incoherentes e contraditorias, antes que atender ao que é o importante, que agora é a saúde da comunidade escolar", lamenta. 

 Se, como ocorre en máis centros de ensino do rural, a ratio de alumnado por aula non é un problema en Monfero, si o é a falta de conectividade, que nos últimos meses dificultou moito a docencia virtual. "E temos problemas coas competencias dixitais da poboación, sobre todo nos cursos máis baixos, pola falta de acceso a internet. As familias víronse desubicadas, sen saber como apoiar o alumnado con tanta variedade de recursos, medios e actuacións que requirían xestións telemáticas", explica a docente. 

"Nin o alumnado nin o propio sistema están preparados para a formación telemática, que ademais esquece moitas dimensións da educación. A escola é tamén acompañar, cooperar, sentir relacionarse... Formar persoas de forma integral", avalía. 

A oposición ao protocolo, tamén nas redes

En Muimenta, Cospeito, a asociación de nais e pais A Granda si recorreu á comunicación telemática para expresar a súa oposición ao protocolo elaborado pola Xunta para a volta ás aulas. A través do cancelo #AulasSenCovid, esta ANPA leva días animando as familias a expresar nas redes sociais as súas preocupacións respecto a setembro.

"A nosa idea, para evitar aglomeracións en mobilizacións físicas, foi idear un movemento virtual para amosar o noso desacordo ao protocolo, polas incertezas que xera nun colexio rural coma o noso", conta Susana Iglesias, vicepresidenta da asociación de nais e pais, que apunta a cuestións como as "desigualdades" que provoca a Xunta na xestión do inicio de curso ao deixar en mans dos centros "todas as decisións".

"Estamos pedindo protección para o alumnado, investimento en educación, medios tecnolóxicos, formación, e ter en conta que estamos nunha situación excepcional", enumera, para salientar a falta de medidas cara ao alumnado vulnerábel –menores cardiópatas, con asma ou con diabetes, por exemplo– ou a ausencia de normas de adaptación para as crianzas que inician este ano o seu itinerario educativo. 

A contestación ao protocolo, que esta semana mobilizou centos de docentes, sindicatos, alumnado e familias nunha cazolada en Compostela, terá continuidade, despois de que a Consellaría de Educación oficializase o documento o mesmo día en que comezaban as protestas.

Se os sindicatos impulsan unha nova convocatoria o 28, desde Anpas Galegas están chamando xa as asociacións a non organizar, de cara ao curso que vén, ningunha actividade extraescolar ou comedor escolar, como fórmula para visibilizar a posición de nais e pais fronte á planificación da Xunta.