Contra un plan de volta ás aulas "a custo cero"

22-07-2020 Protesta sindicatos Educacion contra o protocolo da Xunta para o inicio de curso con adaptación ao contexto Covid-19 (Arxina)
Centos de persoas secundaron a primeira mobilización impulsada polos sindicatos do ensino contra o protocolo da Consellaría de Educación para o inicio de curso no contexto da Covid-19, elaborado sen a voz da comunidade escolar. Se a Xunta non recúa, chaman a endurecer as protestas de cara a setembro.  

Os custos que, a ollos do profesorado galego non universitario, pretende aforrar o Goberno galego co seu protocolo para adaptar o reinicio do curso escolar ao novo contexto que marca o coronavirus ameazan con reverter, se a folla de ruta non cambia, sobre o alumnado, o profesorado, os equipos directivos e as familias

Para denunciar os problemas sanitarios, educativos e organizativos das medidas previstas para a volta ás aulas en setembro, os sindicatos presentes na mesa sectorial de ensino que hai unha semana plantaron a Consellaría de Educación en rexeitamento das súas instrucións –CIG, UXT, CCOO e ANPE– convocaron onte en Compostela a primeira mobilización contra ese documento, que logrou unir centos de docentes, estudantes, nais e pais nunha sonora cazolada diante de San Caetano.

"Todo  se reduce a un criterio: o do custo cero", resumía durante a protesta Suso Bermello, portavoz nacional de CIG-Ensino, a organización maioritaria neste sector, e quen reprochou á Xunta que queira impoñer un protocolo "que pon en risco a saúde e a presencialidade do ensino público".

Así se interpreta a ausencia de alusións, no documento da Consellaría, a unha baixada do alumnado na aula, que permitiría ampliar a distancia interpersoal e desdobrar grupos, a través da contratación de persoal, tal como veñen demandando as organizacións sindicais docentes e as asociacións de nais e pais. 

En contra das recomendacións sanitarias

Como denuncian as plataformas representantes do profesorado, o protocolo, tal e como está redactado, carece de medidas "efectivas" que minimicen os contaxios, mantendo as ratios nas aulas, "sen seguir ningunha das recomendacións sanitarias de organismos como a OMS ou do que estabelece o Ministerio de Sanidade –o protocolo rebaixa até un metro a distancia dentro da aula ou, no caso de que non se poida dar esta separación, fixa o uso de máscara para o alumnado durante as sesións lectivas–" e "negando a posibilidade de incrementar o persoal docente e non docente para facer fronte a todas as medidas organizativas, de gardas, quendas de vixilancia e limpeza do protocolo", denuncia a CIG.

"Unha educación a custo cero  non garante a sanidade", manifestou no acto de onte Paula Carreiro, secretaria de ensino de UXT na Galiza, quen censurou que as instrucións da Xunta tampouco desenvolven a vía telemática, para o caso dun confinamento parcial ou total, e carecen tamén de medidas específicas para ensinos como os musicais ou para o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. "Non podemos dar o visto bo a un protocolo que non está rematado", razoou.

Coa mobilización, que está previsto repetir o día 28, os sindicatos docentes queren reclamar á Consellaría a retirada da súa proposta, que cualifican de "temeraria" e "inviábel", para elaborar un novo documento que responda ás necesidades do conxunto da comunidade educativa, que reforce a seguridade sanitaria nos centros e que garanta a equidade da educación, após as dificultades reveladas no último trimestre do curso pasado, desenvolvido en confinamento por mor da pandemia.

Ante a negativa inicial da Xunta de refacer o documento, as forzas sindicais avisan de que setembro empezará con novas mobilizacións. Como anticipo, esta semana animaron os equipos directivos dos centros a presentaren a dimisión en bloque ante a imposibilidade de levar a cabo antes de setembro as adaptacións que requiriría a aplicación do protocolo, sobre os que recae o groso da organización. 

 "Estase planificando con case absoluta normalidade, a custo cero, e incumprindo, nalgún caso, a lei de riscos laborais", censurou onte a secretaria xeral  de ensino de CCOO, Luz López, quen afeou á Consellaría a falta de vontade negociadora e que prime os criterios "economicistas" sobre as garantías de saúde da comunidade educativa.

Na mesma liña, o presidente do sindicato ANPE na Galiza, Julio Díaz Escolante, lembrou que outros territorios están contratando profesorado e adaptando os centros. "A Xunta está facendo todo ao revés: coas instalacións que temos, intentar por todos os medios que non custe nada e meter o alumnado de calquera maneira nas aulas", considerou.  

Tamén o BNG secundou a cazolada reivindicativa, para demandar á Consellaría que negocie coa comunidade educativa. "O documento non responde nin ás necesidades nin as urxencias que hai neste momento no ensino público e o que vemos é que a Xunta está a dar prioridade a criterios económicos en detrimento da calidade e da seguridade", manifestou a deputada electa Olalla Rodil, quen ve "urxente" contratar máis profesorado para reducir as ratios por aula.

Tamén o PSdeG se posicionou no mesmo sentido e chamou o Goberno galego a "exercer as súas competencias" educativas e a acordar o protocolo.