O Concello de Xinzo responde con fotos ás denuncias por unha aula infantil

[Imaxe Limia Dixital]

Representantes das nais e pais do alumnado da Galiña Azul critican que non se lles remita a documentación solicitada e reclaman a autorización de abertura da aula. 

 

Após as denuncias feitas públicas pol@s representantes das nais e pais das crianzas escolarizadas na Galiña Azul de Xinzo, a equipa municipal respondeu ás críticas coa publicación de dúas fotografías coas que di, se acredita o bo estado deste novo espazo, pendente aínda de autorización para a súa abertura. 

As fotografías foron remitidas inicialmente ao concelleiro Manuel Pérez Cambos após unha pregunta rexistrada o 17 de setembro por este en relación coas condicións da nova aula de infantil. No entanto, desde o goberno de Xinzo non se documenta a obra desenvolvida nen o carácter acaído deste espazo en relación coa normativa vixente. 

Cumpre lembrar que @s representantes das familias critican a falta de luz natural e as saídas de emerxencia que, segundo explicaron a Sermos Galiza, non permitirían un desaloxo inmediato das crianzas en caso de urxencia senón que obrigarían mesmo a cruzar tres portas até accederen ao exterior.