Denuncian irregularidades na abertura dunha nova aula na Galiña Azul de Xinzo

[Imaxe Galiña Azul Xinzo de Limia]

Representantes das nais e pais advirten dun posíbel incumprimento legal por parte do Consorcio galego e o Concello de Xinzo de Limia. 

 

Coas listaxes de crianzas provisionalmente admitidas xa publicadas na páxina web da rede de escolas infantís de Galiza, as alertas acendéronse entre as nais e pais d@s nen@s. Na xuntanza do Consello Escolar do 15 de setembro, a directora da Galiña Azul de Xinzo e o concelleiro de Igualdade, Benestar, Sanidade e Consumo anunciáranlles a vontade de abriren máis unha aula na escola.

A proposta visa transformar un espazo, até o momento adicado a actividades de psicomotricidade, nunha nova unidade para crianzas de entre 1 e 2 anos. Neste senso, o colectivo de pais e nais amosou o seu interese. Porén, afirman nun comunicado de imprensa, "sempre e cando reunise as condicións mínimas necesarias para o seu funcionamento". 

Un espazo interior sen saída en caso de emerxencias

Estas condicións, aparecen recollidas no Decreto 329/2005 do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia. Entre os requirimentos para a abertura desta nova aula, a normativa vixente exixe á dirección do centro e ao propio concello que, como espazo interior, conte coas condicións acaídas. 

"Tal como fixemos constar na acta", sinalan desde as familias, "a aula de nova creación non conta nen con iluminación nen ventilación naturais directas suficientes" pois, denuncian, este espazo "non é máis que a reconversión e modificación dun espazo interior sen saída directa ao exterior". Pola contra, as saídas coas que conta a aula "dan a un patio e a un corredor interiores". Asemade, din, "en caso de emerxencia os nenos terían que pasar até por tres portas". 

Desde o Concello de Xinzo aseguraron ter chegado a "un acordo" co Consorcio para "optimizar recursos" sen gastar moito

Cando as nais e pais solicitaron á dirección da Galiña Azul que lles fose remitida a documentación pola cal se acredita o cumprimento da lexislación en caso de abertura "díxosenos que non tiñan constancia desta documentación", apuntan as familias, "pois din que é cuestión do Consorcio e do Concello de Xinzo de Limia". 

No entanto, desde o goberno municipal limiao "díxosenos que se chegara a un acordo co Consorcio 'para optimizar recursos' e así poder abrir unha aula sen gastar moito" e que "os técnicos" locais "deran o visto bo ás obras", o que para o concello evidenciaba "que todo estaba en regra". 

Así as cousas, terá que ser Inspección quen autorice a abertura da nova aula. Mais desde as familias alertan que isto aínda non aconteceu como tampouco se lles remitiu @s representantes de nais e pais a documentación solicitada. Un feito que non impediu a publicación da listaxe de alumn@s admitid@s --de maneira provisional-- incluídas aquelas crianzas que farán uso deste novo espazo

As familias instan as administracións competentes a traballar para darlle unha "situación axeitada a esta cuestión" de acordo, din, "coa legalidade vixente".