O Concello de Pontevedra rexeita a petición de Ence á Xunta de modificar o plan de incidencia supramunicipal

A fábrica de pasta de papel de Ence en Lourizán, na ría de Pontevedra

A concelleira Carme da Silva lamentou que a Xunta traslade esta solicitude ao Concello, algo que "non se lle tramitaría a ninguén".

O Concello de Pontevedra trasladará un informe desfavorábel á Xunta sobre a petición remitida pola Administración galega na que Ence solicita a modificación do plan sectorial de incidencia supramunicipal vixente desde 2012 para a fábrica de Lourizán. A petición entraba en novembro e os diferentes servizos do Concello elaboraron informes urbanísticos, de ordenación do territorio, e xurídicos que rexeitan esa petición.

A concelleira Carme da Silva informou esta cuarta feira en rolda de prensa deste trámite e explicou que a compañía pasteira pretende legalizar a planta de coxeneración de enerxía e introducir modificacións para eliminar as balsas de decantación.

Da Silva lamentou que a Xunta traslade esta solicitude ao Concello, algo que "non se lle tramitaría a ninguén", e que a dirección da empresa presente unha solicitude baseándose na prórroga concedida polo Goberno de Raxoi en 2016, anulada pola Audiencia Nacional á espera da resolución dos recursos por parte do Tribunal Supremo.

A edil nacionalista indicou que esta acción Ence busca "seguir enredando con malas mañas a sociedade e os traballadores" e engadiu que "o triste é que se fai coa conivencia do PP na Xunta".

Segundo detallou, entre outras cuestións, o Concello xustifica a súa negativa na inconcreción da documentación presentada pola fábrica; tamén apuntan que aparece un incremento do volume, altura e ocupación do espazo de dominio público que ocupa actualmente a instalación. Ademais engaden que non figuran parámetros de augas residuais que vai a verter Ence e que faltan previsións da rede separativa de pluviais.

Igualmente, o Concello entende que Ence infrinxe o regulamento de uso de verteduras na rede de saneamento e lembra que non figura unha análise de riscos nin un estudo de caudal de auga nin tampouco sobre os problemas de ruídos actuais, con varios expedientes abertos, segundo afirmou Carme da Silva.

Por último, Da Silva convidou a dirección da empresa a traballar noutras alternativas para garantir os postos de traballo e deixar de buscar "manobras de confusión permanente coa sociedade" porque "saben que o seu futuro non está en Lourizán".