O Concello de Pontevedra fecha cautelarmente unha nave do grupo Nogar por falta de seguridade

Fábrica do Grupo Nogar en Xunqueira de Alba. (Foto: Nós Diario)
Os técnicos municipais levaron a cabo unha inspección a pasada semana.

O Concello de Pontevedra deu orde esta quinta feira de precintar de maneira cautelar e provisional a nave de La Cross na Xunqueira de Alba, na que o Grupo Nogar, a través da súa filial Galigrain, acumula graneis en condicións similares ás da antiga fabrica de cerámica Pontesa que ardeu o pasado 6 de novembro. A decisión xa foi comunicada á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) e á Consellaría de Economía, Emprego e Industria para que adopten as medidas oportunas.

Fontes municipais confirmaron que estas instalacións da Xunqueira de Alba contan con medidas de prevención de incendios que non había na nave de Ponte Sampaio, mais o informe elaborado tras unha inspección da pasada sexta feira polos técnicos que traballan no Concello de Pontevedra conclúe que non son suficientes para a actividade que se realiza.

"Non podemos permitir que o de Pontesa volva suceder", sinalou a concelleira de Protección e Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, que xustificou que se trata dunha "cuestión de seguridade" até que a empresa regularice a situación da nave de La Cross. "Non cabía outra [opción] e lamentamos que sexa así pero temos que facer o que hai que facer", asegurou.

Segundo detallou, as actuais condicións desta nave "non se adaptan" ao título habilitante e aos permisos de actividade xa que La Cross segue operando coa licenza outorgada en 1951, cando era unha fábrica de abono e produtos químicos. A inspección técnica tamén detectou que no exterior das instalacións, igual que sucedía en Pontesa, acumúlanse grandes cantidades de madeira "para o que tampouco hai comunicación nin licenza que habilite esta actividade", engadiu Vilaverde.

Baleirado de Pontesa

Por outra parte, os traballos para retirar o material almacenado no interior da nave de Pontesa comezarán esta quinta feira a cargo dunha empresa homologada e autorizada no tratamento e xestión de residuos, e durarán "tres ou catro días", segundo comunicou a empresa Galigrain.

Estes traballos, que recibiron o aval do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral (Issga), inclúen accións de protección ambiental para minimizar o impacto dos procesos de extinción e arrefriado e serán levados a cabo en "coordinación directa" cos Bombeiros de Pontevedra.

Segundo informou a edil pontevedresa de Seguridade Cidadá, os bombeiros seguen acudindo "periodicamente" ás instalacións para "arrefriar e empapar" todo o cereal acumulado e evitar que se reaviven as chamas. Neste sentido, e tal e como sinalaran fontes dos Bombeiros a Nós Diario, o interior da nave da Pontesa seguirá en combustión permanente “durante varios días”, dada a imposibilidade dos servizos de emerxencias de acceder ao interior pola presenza de amianto contaminante da cuberta.