O Goberno estatal e o BNG atribúen á Xunta a responsabilidade de investigar o incendio de Pontesa

Nove días despois, o interior da nave segue en combustión.
Exterior da fábrica da Pontesa. (Foto: Europa Press)
photo_camera Exterior da fábrica da Pontesa. (Foto: Europa Press)

O delegado do Goberno español na Galiza, José Miñóns, descargou na Xunta a responsabilidade de investigar as causas do incendio dunha nave das antigas instalacións da fábrica de Pontesa, que provocou o falecemento do traballador do grupo Nogar e concelleiro de Marín Benito González.

A preguntas dos medios esta terza feira en Pontevedra, o representante do Executivo estatal insistiu en que as competencias en materia de saúde pública residen na Administración galega, polo que son tanto a Xunta como a empresa titular das instalacións as que deben ofrecer explicacións sobre o sucedido.

"Como en todo accidente hai que abrir a investigación oportuna e saber as causas do ocorrido", manifestou Miñóns tras indicar que a Delegación do Goberno español está ao dispor dos veciños de Ponte Sampaio, en Pontevedra, para "escoitar" e resolver "dúbidas".

"O importante é que se investigue e, se se está a incumprir algunha norma, que se apliquen sancións e correccións", engadiu o delegado do Goberno español, que reiterou o seu pesar pola morte do edil socialista no incendio rexistrado o pasado domingo 6 de novembro.

O BNG leva o sinistro ao Parlamento

Pola súa parte, o deputado do BNG no Parlamento galego Luís Bará anunciou que a formación nacionalista levará unha batería de iniciativas para instar a Xunta a que informe a opinión pública e os grupos parlamentares “sobre a situación legal das instalacións, a autorización administrativa ao grupo Nogar para a almacenaxe de cereais e os requisitos da mesma, e sobre as medidas adoptadas en relación co cesamento da actividade e a reposición da legalidade”.

“Transcorrida máis de unha semana do sinistro, as condicións das instalacións aínda son de grande inflamabilidade e é necesaria a presenza continua do servizo de bombeiros para humedecer e arrefriar a grande cantidade de gran acumulado”, denunciou Bará, para sinalar que “están por ver aínda as consecuencias devastadoras do incendio na cuberta do edificio, pola presenza de amianto e os riscos derivados da súa queima e propagación”.

Para o deputado nacionalista, “chama a atención a falta de información por parte do Goberno galego, que ten competencias na autorización de actividades industriais, no control da seguridade e saúde laboral, e en materia de legalidade urbanística”.

Segue a combustión interna

Nós Diario constatou que esta terza feira -nove días despois de que se declarase o lume-, o interior da fábrica segue en combustión, provocando que unha columna de fume branco e gris sexa visíbel desde a proximidade das instalacións. Neste sentido, a veciñanza de Ponte Sampaio e da lindeira Arcade, en Soutomaior, denuncian o mal olor que acompaña o fume, froito dos produtos químicos e do amianto que segue a arder no interior de Pontesa.

Para os veciños e veciñas destas dúas poboacións, a falta de información por parte da Xunta supón “un risco” para a súa saúde. “Pasan os días e seguimos a respirar este aire contaminado, sen que ninguén nos diga se isto é prexudicial ou que medidas se van adoptar para resolver esta situación”, manifestou unha veciña de Ponte Sampaio a Nós Diario.

Precisamente, a alta concentración de amianto na fábrica -presente no teito que colapsou polo incendio- impide que os bombeiros e os efectivos de emerxencias poidan levar a cabo ningún tipo de medida para reducir a combustión dos restos de gran e cereal que aínda permanecen ardendo no interior da nave.

A pasada semana, Inspección de Traballo impediu aos bombeiros de Pontevedra a entrada na fábrica, despois de que se detectase un novo foco a primeira hora do 8 de novembro. O labor de extinción do incendio entraña un serio perigo para a saúde, debido a que "todo o material está contaminado por amianto".

Comentarios