O Concello de Pontevedra lanza un plan especial de supervisión e reparación de parques infantís

Parque infantil de Campolongo, en Pontevedra (Foto: Marina Miguel).
O Concello pontevedrés comprométese a que no caso de obter algún resultado de “urxentísima actuación”, se adopten medidas de emerxencia pertinentes para reverter a situación.

A alcaldesa en funcións e portavoz do Goberno de Pontevedra, Eva Vilaverde, informou esta sexta feira da posta en marcha desde o departamento de Parques e xardíns dun plan especial de supervisión, priorización, reparación e mantemento dos parques infantís municipais, tanto urbanos como rurais.

Vilaverde indicou que se vai a facer unha comprobación xenérica do estado dos 57 parques infantís do Concello "dos que se realizará un seguimento estrito da súa vida útil, da súa duración, de como están, como envelleceron...", entre outros aspectos.

A finalidade principal do plan é garantir que as crianzas de Pontevedra xoguen en espazos seguros e adecuados, en boas condicións de seguridade e de hixiene.

O Concello comprométese a que no caso de obter algún resultado de “urxentísima actuación”, se adopten medidas de emerxencia pertinentes para reverter a situación.

Novas licenzas

Eva Vilaverde, tamén informou esta sexta feira en rolda de prensa da aprobación de novas licenzas urbanísticas na Xunta de Goberno Local decorrida á primeira hora.

A primeira delas fai referencia á construción dun edificio de 27 vivendas na rúa Rouco.

A segunda licenza aprobada é a do INVIED (Instituto de Vivenda, Infraestrutura e Equipamento da Defensa), en Rosalía de Castro, número 21, na cal se solicita o desdobramento de catro vivendas en oito.

A terceira licenza aprobada é de parcelamento, agrupamento e segregación de terreos, e cesión na rúa Martín Códax, en relación cunha parcela pendente de construción. Afecta tamén a praza da Santiña e a avenida da Coruña.