O Concello de Pontevedra buscará "todas as vías posíbeis" para sacar Ence da ría

O rexedor da cidade de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, no seu gabinete. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press).
O alcalde de Pontevedra asegurou estar "convencido, e cada vez máis", de que "non hai desenvolvemento económico nin de emprego sen respecto polo medio ambiente".

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, pediu "confianza" á cidadanía porque o Concello "continuará loitando por recuperar a ría". "Dei orde expresa e urxente aos servizos xurídicos para que busquen todas as posíbeis vías de recurso", anunciou.

Fernández Lores fixo este anuncio ao manifestar que é sabedor de que "hai cidadáns preocupados e molestos" que comparten a súa tese de que teñen "dereito a recolocar a industrias que están en dominio público e tamén perto de núcleos importantes de poboación".

"Non hai respecto polo medio ambiente"

O alcalde de Pontevedra asegurou estar "convencido, e cada vez máis", de que "non hai desenvolvemento económico nin de emprego sen respecto polo medio ambiente", polo que insistiu en que a súa "obriga" deixar a fillos e netos "un planeta mellor".

Lores compareceu esta cuarta feira ante os medios de comunicación, unha vez que os avogados do Concello de Pontevedra recibiron a sentenza do Tribunal Supremo que confirma a imposibilidade de retrotraer as actuacións á Audiencia Nacional para que puidese analizar os argumentos municipais que quedaron sen abordar. Unha decisión do alto tribunal que o alcalde considera "inaudita".

105 anos na ría

O rexedor de Pontevedra reiterou que a sentenza do Tribunal Supremo sobre a prórroga concedida a Ence até completar 105 anos de estancia na ría de Pontevedra "é un fracaso do estado de dereito" e, ao seu xuízo, "supón cargarse a Lei de Costas e a posibilidade de protección do litoral".

De novo, o alcalde pontevedrés reiterou a súa afirmación de que esta sentenza "confirma que, no século XXI, poderoso cabaleiro é don 'Diñeiro'".