Eulen, Ence, Greenalia... a información que a Xunta "oculta" no Parlamento, denunciada ante a Valedora do Pobo

O BNG eleva unha queixa á Valedora por mor da "reiterada negativa" da Xunta a entregar diversa documentación requirida polos grupos parlamentarios da oposición.
A representación do BNG diante da sede da Valedora do Pobo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A representación do BNG diante da sede da Valedora do Pobo. (Foto: Nós Diario)

O BNG presentou esta cuarta feira unha queixa ante a Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, instándoa a actuar ante a "ocultación sistemática" de información e documentación por parte da Xunta, á que os nacionalistas cualifican coma "un dos órganos máis opacos e pouco transparentes da Galiza". Recorreron a esta institución, precisou o parlamentario Daniel Castro, após "meses de queixas públicas".

"Non nos deixa outra opción", sinalou Castro en declaracións aos medios ás portas da sede do Alto Comisionado do Parlamento, ao que instan a actuar polos "incumprimentos reiterados" da obriga do Goberno galego de remitir nun prazo de 30 días a documentación que lle requiren os grupos parlamentarios.

Castro incidiu en que algunhas das cuestións polas que preguntou o BNG suman "máis de dous anos" de espera, o que evidencia, ao seu xuízo, que se trata dunha "ocultación" deliberada do PP sobre determinados asuntos como os contratos adxudicados desde 20009 a Eulen, a empresa na que traballa a irmá de Alberto Núñez Feixoo, Micaela.

O deputado nacionalista preguntouse "por que agocha" o PP os contratos con esta compañía e lembrou que o propio Feixoo demanda, "agora que está en Madrid", que o Goberno estatal facilite o acceso á información por parte dos grupos da oposición.

Alén das relacións contractuais coa compañía Eulen, Daniel Castro tamén apuntou que a Xunta "nega" o acceso a documentación sobre Ence, "os 11,7 millóns de euros perdoados" a Greenalia, a situación da CRTVG ou "as presuntas irregularidades" cometidas nas residencias de maiores.

"Queda claro que o Partido Popular fixo da excepción a súa normalidade e que a transparencia e o regulamento impórtalle máis ben pouco, e é por iso emprega esta institución como muro de contención para a súa ocultación", engadiu Castro, que puxo o foco finalmente en que a Xunta "non" actúa contra os grupos da oposición, senón que o fai "contra os galegos e galegas".

No rexistro da queixa dirixida á Valedora do Pobo tamén participaron os deputados e deputadas Iria Carreira, Mercedes Queixas, Rosana Pérez, Carme Aira, Paulo Ríos e a viceportavoz do grupo parlamentario, Olalla Rodil.

Comentarios