O Concello da Coruña dille a Elisabeth Sanlés que "non ten pisos" para lle ofrecer

[Imaxe: Gz-Contrainfo]

Segundo os dados de Stop-desafiuzamentos, son 20.000 as vivendas que están baleiras na cidade. En conversa con Sermos Galiza, Sanlés dixo atoparse "con moito ánimo" e "moi avergoñada" pola acción dos antidisturbios que blindaron seu despexo.


"Cansa, magoada... pero con moitos folgos". Así dixo atoparse a veciña da Coruña Elisabeth Sanlés despois de que unha comitiva xudicial blindada por uns 50 antidisturbios executaran a orde de levantamento que fora ditada contra ela ao non poder pagar o aluguer do piso en que vivía.

Após transladala onte á residencia de mulleres Santa Fátima --privada e relixiosa--, o director xeral de Servizos Sociais, José Luís Quintela, transladoulle esta quinta feira a ela e á súa sobriña, Ainhoa Díaz, que o Concello da Coruña "non ten vivendas" para lle ofrecer. Convidounas a preguntar no IGVS --Instituto galego de vivenda e solo-- por se alí tiñan unha solución para Sanlés. Esta institución pública ofreceulle un piso en outubro de 2012, mais Sanlés tivo que o rexeitar. Era un cuarto andar sen elevador malia que ela fixera constar na solicitude que padecía fibromialxia.

"Dixeron que ían mirar se podían tramitarme unha Risga, non que ma tramitaban senón que ían mirar se podían. E unha vez tramitada aínda tarda tres meses", sinala Elisabeth Sanlés en conversa con Sermos Galiza. No Concello tamén se comprometeron a lle ampliar a prestación de 216 euros que cobra do desemprego até abril, malia que o Servizo galego de colocación lle confirmou que este subsidio expiraría "o 30 de xaneiro". 

O Concello leva desde xuño adiando unha resposta

A plataforma Stop-desafiuzamentos A Coruña púxose en contacto co Concello da Coruña en xuño. Xa daquela era posíbel habilitar o procedemento para que Sanlés accedese ás axudas que cubren o 80% do aluguer ou a unha Risga --a renda de inserción social--. Porén, a dirección xeral de Servizos Social non avanzou por ningún destes vieiros. Procurou para a coruñesa unha praza nunha residencia relixiosa, primeiro en Padres Rubinos e despois en Santa Fátima. "Xa vivín en Santa Fátima e alí até o centro lle confirmou que non podo ter os meus fillos", tres crianzas de tres, catro e once anos que estes días residen canda familiares por mor do despexo. 

"Os policías dicíanme que non tivera medo. Eu xa lles dixen que a súa presencia alí non me deu medo, deume vergoña. Sentinme realmente avergoñada", recalca a coruñesa ao falar do despregamento de antidisturbios que ocuparon a rúa Antonio Noche, no barrio do Castrillón, dunha punta á outra. "Militarizaron o barrio", acrecenta Héctor Tejón, voceiro de Stop-desafiuzamentos. 

A plataforma convocou unha concentración esta quinta feira ao serán diante da delegación do Goberno español na Coruña, protesto que foi secundado por algo máis de cen persoas. Nos seis primeiros meses de 2013 executáronse na Galiza un total de 1.338 ordes de despexo. "Hai moitas persoas na miña situación e cando consiga unha solución para min seguirei a reclamar unha solución para elas", conclúe, moi enérxica, Elisabeth Sanlés.