9 furgóns de antidisturbios blindan o despexo de Elisabeth na Coruña

[Imaxes: A.B. e A.C.]

Malia a resistencia de activistas que se atopaban dentro do inmoble, da propia Sanlés e da súa sobriña, que se encadearon á fachada do edificio para que non as botaran da casa, o desafiuzamento executouse. A policía prendeu seis persoas.


A berros. "Campeones! Campeones!". Foi a irónica despedida que ducias de cidadás e cidadáns concentrad@s na rúa Antonio Noche, ubicada no barrio do Castrillón, na Coruña entoaron para os antidisturbios ao contemplaren como estes se parabenizaban entre si con palmadas nas costas.

Minutos antes metían nun furgón as seis persoas que levaron presas. Conducíronas até a comisaría de Lonzas, flanqueada por dez axentes da policía española que identificaron activistas por estaren "en zona de seguridade". 

Para esta cuarta feira ás 10h estaba fixada a execución do despexo de Elisabeth Sanlés, a muller que mora canda as súas tres crianzas no segundo andar do nº30 da devandita rúa. 

Dúas horas antes, cando aínda era practicamente noite pecha, as inmediacións do edificio estaban xa valadas e nove furgóns de antidisturbios aparcadas a un e outro lado. Aínda non eran as nove cando a comitiva xudicial entraba polo portal do edificio, acompañada dalgúns policías. E faltaban dez minutos para as dez cando cortaron a cadea que Sanlés e a súa sobriña pasaran polo medio dun tubo para se encadearen á fachada do edificio, dunha fiestra á outra.

Malia esa resistencia, apoiada desde a rúa con berros de 'Vergoña me daría ser policía' coreados por ducias de persoas que responderon a chamada de Stop-desafiuzamentos, o despexo de Sanlés executouse esta cuarta feira. A ela levárona os antidisturbios, mais non estaría detida.

Enferma de fibromialxia, con tres crianzas e ingresos de 216€ ao mes

Elisabeth Sanlés ten ao seu cargo tres crianzas de tres, catro e once anos e uns ingresos mensais de 216 euros que cobra do desemprego, pois tiña un contrato de media xornada. Malia se atopar nesta situación, o Concello "non aprecia risco de exclusión", polo que non ve razóns para paralizar a orde de lanzamento nin tampouco a xestión dunha vivenda de alugueiro social.

Todo isto malia que unha providencia ditada polo xuíz de instrución --que lle foi comunicada á concellaría de Servizos Sociais e á consellaría de Vivenda-- si advirte da "vulnerabilidade flagrante" que achou na súa situación. 

Desde o IGVS, o Instituto galego de vivenda e solo, chegaron a lle ofrecer hai varios anos ''leva 11 reclamando unha vivenda de protección oficial-- un piso en aluguer social. Porén, viuse na obriga de a rexeitar e procurar por outra. A muller está enferma de fibromialxia e o inmoble que dispoñibilizaban para ela era un cuarto andar sen ascensor.

Así, o despexo fora marcado para o 8 de outubro. Porén, ducias de persoas convocad@s por Stop-desafiuzamentos colocáronse diante do portal e desde alí comezaron a camiñar cara a onde se atopaban @s funcionari@s do xulgado até @s facer recuar. Unha hora despois, un comunicado emitido polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza paralizaba a orde de levantamento "até nova data". Esa nova data foi este 27 de novembro.