Un desafiuzamento pola forza, a "militarización" dun barrio

A desproporcionada actuación dos antidisturbios no desafiuzamento de Elisabeth Sanlés foi contestada por ducias de veciñ@s que intentaron frealo. Nove furgóns aparcados a un e outro lado da rúa facilitaron o traballo da comitiva xudicial. Após botar a muller da casa, a policía parabenizouse.



Era noite pecha, por volta das sete da mañá, cando os furgóns dos antidisturbios aparcaron a un e outro lado de Antonio Noche. A rúa, que non é nin moi ancha nin moi longa, ficou totalmente tomada pola policía, impedindo que @s veciñ@s que se achegaron até o lugar para frear o despexo de Elisabeth Sanlés --fixado para as 10h-- puideran achegarse ao portal nº30, onde mora ela e as súas tres crianzas de tres, catro e once anos. 

Faltaba un cuarto para a hora marcada cando a comitiva xudicial entraba no edificio e, após botaren a porta embaixo coa axuda dunha radial, entraron na vivenda.

Sanlés e a súa sobriña levaban desde primeira hora encadeadas á fachada do edificio coa axuda dunha tubaxe para impedir que cortaran a cadea. Fixérono valéndose dunha cisalla após un tira-puxa que lles deixou "os brazos rebentados", segundo dixo a sobriña de Elisabeth cando compareceu perante a imprensa ao saír da comisaría de Lonza.

"Vergoña me daría, botar unha familia", "Estes son os Servizos Sociais do Concello da Coruña", "Vergoña me daría ser policía" ou "Vergoña". Berros acompañados dunha cazolada namentres os antidisturbios retiraban a faixa que penduraba da fiestra do dormitorio e fechaban as fiestras. Baixaron as escaleiras levando presas as seis persoas que se atopaban dentro do inmoble con Elisabeth, unha delas a súa sobriña. 

"O único que sabemos é que vai para a súa, que non hai ningunha solución", valorou Héctor Tejón, voceiro de Stop-desafiuzamentos A Coruña. A orde de despexo foi comunicada ao avogado da plataforma na terza feira á tardiña, por volta das 18h, con menos de doce horas de antelación sobre a hora marcada para a executaren. 

Concentráronse ás portas da comisaría de Lonza. Foron identificad@s e advertid@s de que ou se dividían ou lles imporían sancións por concentración ilegal, ao seren máis de 20 as persoas que se desprazaron até as dependencias policiais para apoiar as detidas. Non ficaron libres até pouco antes das 15h.

Namentres, Elisabeth estivo custodiada pola policía "de maneira obrigatoria e contra a súa vontade" até as 17h, segundo explicou a súa sobriña ás portas da comisaría. Antes de abandonar a rúa Antonio Noche e entre irónicos berros de "campeones! campeones!", os antidisturbios parabenizáronse por teren executado o despexo. Aquí rematou a crónica do que Héctor Tejón resumiu nunha frase: "un desafiuzamento pola forza e a militarización dun barrio".


Imaxes e vídeo: Gz-Contrainfo