Conceden o premio Atila á destrución ambiental a Teresa Gutiérrez e Ethel Vázquez polas verteduras de San Finx

Manifestación na alameda de Noia contra as verteduras de San Finx (Foto: Plademar).
Ecoloxistas en Acción ‘premia’ os que son como Atila: “por onde pasan, non medra nin a herba”. Con estes premios sinálase a institucións e aos seus responsábeis “como causantes de agudizar a crise social e ambiental”.

O 5 de xuño é o Día Mundial do Medio Ambiente, unha data estabelecida pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas (ONU) en 1972 para aumentar a conciencia ambiental e fomentar a acción global na protección do medio ambiente.

Para iso, Ecoloxistas en Acción ‘premia’ os que son como Atila: “por onde pasan, non medra nin a herba”. Con estes premios sinálase a institucións e aos seus responsábeis “como causantes de agudizar a crise social e ambiental”.

O primeiro premio, Premio Atila 2023, é para Teresa Gutiérrez, directora de Augas de Galicia, e Ethel Vázquez, Conselleira de Infraestructuras e Mobilidade, por autorizar o baleirado da mina de San Finx. “Unha drenaxe ácida que afectará de morte o ecosistema da ría de Noia e porá en perigo a economía tradicional da comarca baseada no marisqueo e a pesca artesanal”, afirma o organismo.

O segundo premio, Premio Cabalo de Atila, levouno José Vázquez, conselleiro de Medio Rural, “por relacionar as figuras de protección ambiental, como Rede Natura 2000, co orixe das vagas de lumes”.

Unhas declaracións coas que “pretendeu agochar a súa incompetencia na prevención e contención dos lumes que arrasaron o ano pasado o macizo central ourensá. Actuación neglixente pola que estivo investigado pola fiscalía de Ourense”, sinala Ecoloxistas en Acción.l

Este ano o accésit especial, carteira de Atila, outórgase a Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda “polo seu desleixo coas demandas dos veciños e veciñas de Loxo (no municipio de Touro, na comarca de Arzúa) e ignorar a petición que lle fixeron por activa e por pasiva de instalar unha estación de medición da calidade do aire para saber que tipo de gases e con que frecuencia e intensidade están respirando”.

“Uns nauseabundos cheiros que manan da planta de residuos dos terreos da mina de Touro que lles amolan. A planta de tratamento de residuos Tratamientos Ecológicos del Noroeste SL, despois de case vinte anos de iniciar a actividade, acumula queixas e denuncias da veciñanza sen que a prometida restauración dos terreos degradados pola mina se teña rematado nin nos terreos, nin nas augas dos ríos contaminadas por drenaxe áceda de mina”, relata a organización ecoloxista.

Outorgamos o segundo accésit, a Coz do Cabalo de Atila, a Abel Caballero, alcalde de Vigo e presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Os datos recollidos nos informes de Ecoloxistas en Acción sobre calidade do aire e contaminación acústica sinalan “altos niveles de contaminación con risco para a saúde humana”.

“En troques de tomar medidas como implantar Zonas de Baixas Emisións e pacificar o tráfico, o Concello (de Vigo) practica o negacionismo, incumprindo a Lei de Cambio Climático, mantendo un dos peores servizos de transporte público do Estado e construíndo custosas infraestruturas de transporte que incrementan o tráfico”, sinalan.

Ademais. son reiteradas as declaracións de Abel Caballero “descalificando as demandas dos movementos ecoloxistas e veciñais, negándose a recibilos e opóndose a implementar un novo modelo de mobilidade”, culmina Ecoloxistas en Acción.