Comunidades de montes acusan o PP de querer "legalizar a usurpación franquista do monte veciñal"

Monte comunal na contorna do Castro de Bexo, no concello de Dodro. (Foto: Verdegaia).
Censuran os "continuos ataques" do presidente da Xunta e do conselleiro de Medio Rural, quen "ameazaron con cambiar a lexislación actual se a xustiza segue fallando a prol das comunidades de montes".

A Organización Galega de Comunidades de Montes denunciou un intento de legalizar terreos "cedidos" ou "vendidos" por concellos sen ser titulares, unha actuación que vincula con "usurpacións franquistas".

Nun comunicado remitido aos medios, a entidade ve un intento do PP de "legalizar" o que cualifica como "usurpacións" por ser, inciden "cedidos ou vendidos por concellos que non eran titulares" dos citados montes.

Protección dos infractores

En concreto, consideran que a formación popular, con declaracións a través dos seus representantes políticos, "posicionouse a favor da Plataforma galega de afectados polas comunidades de montes, empresarios e particulares".

"Tanto ao conselleiro do Medio Rural como ao presidente da Xunta da Galiza non lles importa saltarse a lexislación vixente sobre os montes veciñais", recalca, para facer fincapé en que a Administración "quere impedir a aplicación do carácter de titularidade xermánica dos montes veciñais", evitando "a imprescritibilidade dos montes veciñais" que fai que a antigüidade da "usurpación" non sexa fundamento de dereito para protexer o infractor, aclara.

"Reclaman a propiedade dunhas terras vendidas ou cedidas polos concellos, que non eran titulares, senón usurpadores das mesmas", insisten nun escrito no que reprocha que se "critiquen" as sentenzas "que fallan a favor das comunidades de montes e obrigan a devolver o territorio usurpado á veciñanza".

Cambio de titularidade

A Organización de Comunidades de Montes tamén critica que "no chamado Libro Branco", sobre a reforma da regulación dos montes veciñais en man común da comunidade da Galiza, se se contemple a eliminación do carácter xermánico dos montes veciñais "mediante a consideración de veciñanza comuneira a persoas que non viven no lugar, aldea ou parroquia no que se asenta o monte veciñal".

A entidade insiste en que nese documento non se recollen as súas achegas, entre as que destacan "unha que solicitaba que a futura lexislación sobre os montes veciñais en man común contemplase a declaración de nulos de pleno dereito todos os actos e negocios xurídicos que se levaron adiante nos montes veciñais".