Comuneiros de Agolada: “Os cortalumes están selváticos, a Xunta non cumpre co seu traballo”
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Basadroa, Outeiro e Ramil advirte da “responsabilidade” da Administración galega polas consecuencias que puidera ter nestes montes un lume forestal pois, afirman, non cumpre coas súas obrigas, “asinadas nun convenio”, en cuestións de limpeza e seguridade.
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Basadroa, Outeiro e Ramil xestiona un monte comunal de ao redor de 350 hectáreas, “moi ben coidadas polos comuneiros, plantadas con piñeiro e frondosas do país”, segundo indica a propia comunidade.
Como exemplo de xestión e compromiso, apuntan que “mesmo contan cun corgo para que os helicópteros de extinción carguen auga e outros dous construídos con fondos propios da comunidade onde están cargan as cisternas dos tractores para apagar os lumes na zona”.
Mais, denuncian, a Xunta da Galiza non cumpre coa súa parte e iso pon en risco na actual vaga de incendios toda esta riqueza. Lembran que o lume tamén chegou a Agolada e arrasou 400 hectáreas na próxima parroquia do Sexo, actualmente estabilizado.
“Temos un convenio asinado coa Xunta que esta non cumpre”, afirma a Nós Diario Ánxel Méndez, presidente da comunidade de montes. “Por lei tes que ter un proxecto de ordenación, e nós témolo, pero só en papel, porque a Xunta non fai a súa parte”, critica. E que parte é esa? Manter limpos e adecuados os cortalumes e pistas do monte. “E non o están”.
“Están selváticos, cheos de toxos e xestas e as escorrentías do monte encheron aquilo de terra e residuos. Non se dá pasado por eles nin con un tractor”, denuncia Méndez. Unha situación perigosa en caso de que os incendios entren no monte. “A experiencia que temos é que se están os camiños limpos e os cortalumes, se o lume non é moi virulento, os veciños podemos deter o lume. Pero tal e como están agora, non”.
“Hai preocupación na xente, claro”, afirma Ánxel Méndez, “e a Xunta está a facer unha mala xestión. A eles non lles importa nada, polo que parece, os montes comunais”. E, engade, “non é só o perigo para o monte, tamén para as aldeas próximas”.
Para o presidente dos comuneiros destas tres aldeas, “aquí queren chantarnos dous parques eólicos”, a maiores de que “tamén nos afectaría a instalación de Altri”. “Parece que do que se trata é de extraer a riqueza e ao resto, machucarnos. Non sequera limpan os montes”.
