Compostela mobilizarase cada mes de 2022 en apoio ás persoas refuxiadas

Acto decorrido na capital galega o pasado ano (Foto: Rede Galega de Apoio ás Persoas Refuxiadas).

Os actos decorrerán a primeira cuarta feira do mes, comezando hoxe, nun encontro convocado na praza de Cervantes ás 20 horas.

A Rede Galega de Apoio ás Persoas Refuxiadas promove este 2022 en Compostela un 'Círculo de Silencio', un acto que se desenvolverá a primeira cuarta feira de cada mes e que busca "lembrar e denunciar" de forma pública as "continuas mortes que provocan as políticas de migración e refuxio dos países da Unión Europea".

O acto desenvolverase todos as primeiras cuartas feiras de mes, coincidindo neste caso co Día de Reis, na Praza de Cervantes, ás 20.00 horas.

Este encontro simbólico de denuncia durará 20 minutos e cumprirá coas distancias e normativas que estabelecen as autoridades sanitarias.

Esta iniciativa xa a leva a cabo noutras cidades. Ao longo deste 2022 a asociación promoverá unha campaña estatal, 'Regularización xa', de recollida de firmas para unha iniciativa legal para a regularización das persoas migrantes.

Demandas co colectivo

As principais demandas da asociación viran ao redor da derrogación da actual Lei de Estranxeiría e a súa "substitución por unha lei que respecte os dereitos humanos das persoas migrantes", ademais de novas políticas nas fronteiras españolas "que eviten mortes".

A entidade denunciou que ao longo do 2021 morreron 4.404 persoas tentando chegar ás costas españolas, o que supón un 103% mais que en 2020, e correspóndese cunha media de doce mortes diarias.