A "preocupante cifra" de 55 millóns de desprazados internos no mundo

En 2020 marcouse un novo récord de persoas desprazadas de maneira forzosa dentro do seu Estado, co que chegan a 55 millóns as persoas que viven permanentemente nesta situación.
Refuxiado en Moria, en Grecia, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Refuxiado en Moria, en Grecia, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

Até finais de 2020, había no planeta 55 millóns de persoas vivindo como desprazadas de modo forzoso dentro dos seus Estados, 48 millóns como resultado de conflitos e violencia, e 7 millóns por desastres naturais, revelou no seu informe anual o Observatorio de Desprazamento Interno (IMDC) e o Consello Noruegués para Refuxiados (NRC).

Para as persoas que se desprazan de forma forzada esta non é sempre unha situación transitoria. 20 millóns das persoas que viven permanentemente nesta situación son menores de 15 anos, mentres que 7,2 millóns de refuxiadas non chegan aos cinco anos. Os datos de persoas desprazadas internas duplica o de persoas que tiveron que abandonar forzadas os seus Estados, aproximadamente 26 millóns.

Siria (6,6 millóns), a República Democrática do Congo (5,3 millóns), Colombia (4,9 millóns), Iemen (3,6 millóns) e Afganistán (3,5 millóns) suman case a metade das persoas desprazadas permanentes por mor da violencia en 59 territorios, mentres que Afganistán (1,1 millóns), India (929 mil) e Paquistán (806 mil) son os principais países con desprazadas e desprazados por desastres naturais.

“É preocupante que estas cifran tan altas se rexistren no escenario da pandemia da Covid-19 cando as restricións de mobilidade obstaculizaron a recollida de datos e un menor número de persoas buscaron refuxios de emerxencia por medo á infección”, sinalou Alexandra Bilak, directora do IDMC. Isto implica que cada segundo unha persoa é obrigada a deixar o seu fogar dentro do seu país. Para o xefe do NRC, Jan Egeland, estas cifras son “de grande impacto”.

Ano récord

2020 foi o ano da última década con máis novas desprazadas internas, 40,5 millóns de persoas en todo o mundo: 9,8 provocadas por conflitos e violencia e 30,7 millóns por desastres naturais.

As organizacións estiman que o impacto económico dos desprazamentos internos está preto dos 17 mil millóns de euros, amais de destacar un aumento dos desprazamentos forzados por desastres naturais a raíz do cambio climático.

Un 88,9% destes casos está motivado polos cambios no clima: aumentos das mareas, tormentas, lumes, corrementos de terra, aumento da temperatura ou das épocas de seca. O 11,1% restante corresponde a terremotos e volcáns.

Comentarios