Compostela "estala" coa masificación

Acto de recepción na praza do Obradoiro á 'Peregrinación Europea da Mocidade'. (Foto: Arxina / Europa Press)
A cidade de Compostela está ateigada de grupos de peregrinación. É a imaxe destes días que preocupa tamén ao sector académico. Nós Diario conversa co catedrático da USC Rubén Lois e co arquitecto Iago Lestegás sobre este tema e as súas posíbeis solucións nun futuro inmediato.

“En agosto estamos diante dun modelo de turismo de masas pouco cualificado que non se diferencia moito do que acode aos grandes destinos do litoral mediterráneo”. Desta maneira define o catedrático da USC e membro da Unión Xeográfica Internacional, Rubén Lois, a situación que vive estes días Compostela. A chegada de 12.000 persoas para participar na Peregrinación Europea de Mozas e Mozos incorpora novos elementos que non son novos na recente historia da capital galega mais que este investigador tratou máis dunha vez en profundidade. 

“A compoñente relixiosa do fenómeno destes días reaparece cada certo tempo, sobre todo coincidindo co ano Xacobeo e no verán, aínda que non é maioritaria o resto do ano mais que a Igrexa aproveita”, explica a Nós Diario. O perfil, apunta, non é o mesmo que o do resto do ano. “Coñezo algunha hostalaría que agarda que chegue setembro para ter outra vez ese outro peregrino moito máis respectuoso”, asegura Lois. 

Para o arquitecto e veciño de Compostela, Iago Lestegás, autor dun traballo sobre o impacto do turismo de masas no proceso de transformación do centro histórico de Lisboa, a situación actual na capital inflúe negativamente na calidade de vida dos residentes. “Hai problemas para atopar vivenda, os comercios xiran ao redor do turismo e coa chegada dos grupos de peregrinos o foco está agora na ocupación do espazo público que fai que a veciñanza se sinta desprazada do seu propio barrio”, considera. 

Aumenta o desemprego

Lestegás rexeita a crenza “relativamente estendida en Compostela” de que o turismo “é a única fonte de ingresos que ten a cidade e que polo tanto temos que aturar o que nos boten”. Pola contra, indica que hai “unha serie de sectores que crean riqueza e ademais están diversificados”.

Os datos rexistrados pola Xunta da Galiza semellan acompañar esta idea. O aumento do número de peregrinas e peregrinos que está a experimentar este ano o Camiño de Santiago non está a ter incidencia na creación de emprego nas vilas e cidades polas que pasa. No caso do Francés, con datos do mes de xullo, dos doce concellos polos que pasa, nove viron aumentar o paro: Santiago (+100), O Pino (+4), Arzúa (+3), Melide (+5), Palas de Rei (+13), Monterroso (+7), Sarria (+17), Portomarín (+2) e Triacastela (+2). Só Samos mantivo os mesmo datos e Paradela (-4) e Pedrafita do Cebreiro (-3) conseguiron baixar o número de persoas sen traballo. 

Importancia das campañas

Rubén Lois indica que esta circunstancia que está a vivir Santiago e algunhas vilas dos camiños son consecuencia das campañas de promoción que se realizan desde as Administracións e que rematan por provocar “fenómenos de turistificación”.

Culpa a Xunta da Galiza de seguir tendo “obsesión por ter máis peregrinas e peregrinos” e o Concello de Santiago “por meter máis xente na cidade”. Lestegás afirma que se “mantivo un discurso cuantitativo por parte das institucións, algo que é negativo a nivel de promoción” en relación a que “cada ano había que bater o récord de peregrinos, sen ter en conta que agora é preciso contar co decrecemento, sobre todo a nivel medioambiental, tamén a nivel turístico”.

Solucións urxentes 

Para Lois sería necesario “manter un número de persoas razoábel en certas zonas” ademais de “regular os espazos turísticos sobre todo no centro de Santiago e no Camiño Francés, que teñen máis sobreturismo”. Desta maneira, “poderían ter unha experiencia paisaxística e cultural que para iso está o Camiño”,  engade.

Desde o Observatorio turístico do que forma parte, insistíronlle ao Concello de Santiago da necesidade de reconducir esta situación. “Máis turismo non significa sempre máis diñeiro, chega un momento en que o impacto xera unha deseconomía de escala”, afirma este catedrático.

Para mudar a situación urxe a empregar “ferramentas” como “a capacidade de carga”, polo que “a partir dun número determinado de visitantes un espazo ten que limitar o acceso”.

Estes lugares a protexer poderían ser, segundo Lois, "a Catedral, que xa comezou a facelo, ou as prazas ao seu arredor até mesmo todo o centro histórico de Santiago".