Compostela acollerá o 5 de outubro unha manifestación nacional contra o xenocidio do pobo palestino
Haberá autobuses para acudir á capital galega, pero tamén se convocarán concentracións o 22 de setembro en 42 localidades.
Representantes da Coordinadora de Solidariedade Galega con Palestina compareceron esta terza feira en rolda de prensa para anunciar a convocatoria dunha manifestación nacional o 5 de outubro, con saída ás 12 horas da Alameda de Santiago de Compostela, baixo o lema "2 anos de xenocidio e 77 anos de ocupación", coincidindo co segundo ano da "barbarie xenocida de Israel en Palestina". Como antesala están convocadas concentracións en 42 localidades galegas para o 22 de setembro.
Segundo explicou Óscar Valadares, de Mar de Lumes, o lema fai referencia ao xenocidio porque foi o que deu orixe á propia Coordinadora como resposta social e popular de solidariedade. Un xenocidio do que lamentou ter que dar cada vez cifras maiores "de vítimas, destrución, barbarie e inhumanidade, de como a Faixa de Gaza está a ser reducida a un espazo inhabitábel, todo co obxectivo de producir o desprazamento forzado da súa poboación".
Valadares lembrou que ao inicio desta fase do conflito había 2.100.000 habitantes. Poboación que, denunciou, "está a ser movida á forza das súas vivendas, ou directamente asasinada, sometida á fame, que se usa como arma de guerra".
Con todo incidiu na segunda parte do lema: os 77 anos de ocupación, porque "o problema de Palestina non é só o xenocidio –o problema máis grave e urxente–, pero se o reducimos só a iso, corremos o risco de pensar que, se se resolve o xenocidio ou se se retira Netanyahu, o problema estaría solucionado", advertiu.
Por iso explicou que alén de Netanyahu, "o problema é o Estado fabricado de Israel" porque "sen ocupación non pode haber xenocidio, da mesma maneira que sen o apoio sistemático de potencias internacionais, principalmente imperialistas, Israel non sería capaz de manter este nivel de barbarie, destrución e morte". Un apoio que favoreceu o desmembramento de Palestina e creou a Faixa de Gaza, que cualificou como "o maior campo de concentración da historia, de onde as persoas non poden entrar nin saír". E concluíu afirmando que "sen a existencia da Faixa de Gaza, produto da ocupación, non habería un xenocidio desta magnitude, e non estaríamos hoxe aquí mobilizados".
Manifestación nacional
Foi Ánxela Gippini, de Galiza por Palestina, quen informou sobre os pormenores da "gran" manifestación nacional do 5 de outubro en Compostela, para a que adiantou que a organización porá autobuses para poder chegar de todos os puntos da Galiza. Anunciou que xa están impresos máis de 5.000 carteis e 20.000 panfletos para difusión.
Xunto a isto Gippini explicou que se solicitarán sinaturas e adhesións en apoio dun manifesto para exixir o fin do xenocidio, "pero tamén da ocupación ilegal de Palestina e acabar con esta impunidade".
Relato persoal
Pola súa parte, Sara Ashour, da Asociación Galaico-Árabe Jenin, agradeceu á sociedade galega tanto a súa participación nas centos de mobilizacións convocadas nestes dous anos, "para dar voz a quen non a ten", como o boicot á Volta ciclista porque "non falamos de deporte nin cultura, senón de humanidade".
Ashour compartiu un relato persoal sobre o ano 2019, cando puido acceder á Faixa de Gaza coa súa familia a través de Cisxordania. "Fomos nun autobús que pasa polas rúas de Israel e, despois, xa entras en Gaza. Eu tiña 17 anos e, desde o autobús, puiden ver eses cambios, a diferenza entre con e sen ocupación. Ver como os israelís teñen infraestruturas, as rúas ben asfaltadas, os semáforos, a orde, centros comerciais... E nós temos os materiais de construción a contagotas", expuxo.
Ashour, que ten 22 anos, tamén contou que nun período de seis anos non puido ver os seus avós debido aos bloqueos de Israel e que, a día de hoxe, non sabe cando volverá ver os seus tíos. "Isto tamén é froito da ocupación", denunciou a moza.

