A Compañía de Xesús e o Colexio Apóstolo Santiago de Vigo piden perdón polos abusos sexuais a menores

Colexio Apóstol Santiago de Vigo (Foto: Jorge Salgado).
Os xesuítas ven preciso xerar espazos de diálogo "para construír entre todos unha cultura de salvagarda cara aos menores que impida que o silencio, o abuso de poder e a falta de transparencia se convertan en aliados de condutas particulares, absolutamente inaceptábeis e inxustificábeis".

A Compañía de Xesús e o Colexio Apóstolo Santiago de Vigo emitiron un comunicado esta fin de semana pedindo perdón ás vítimas de abusos sexuais no seo da igrexa.

Fixérono coincidindo coa emisión do programa de televisión ‘Salvados’ que emitiu un programa sobre esta cuestión.

Os xesuítas confirmaron que a produtora do programa se puxo en contacto coa Compañía e co Colexio para ofrecerlles a posibilidade de participar e agradeceron esa "oportunidade" para reafirmar a súa posición institucional: "É necesario pedir perdón ás vítimas unha vez máis".

A Compañía sinalou que "en todo momento buscaron colaborar e seguir pondo luz sobre o pasado, abrindo oportunidades de reparación para as vítimas", durante as xornadas de gravación e as entrevistas.

Así mesmo, ven "necesario" xerar espazos de diálogo "para construír entre todos unha cultura de salvagarda cara aos menores que impida que o silencio, o abuso de poder e a falta de transparencia se convertan en aliados de condutas particulares, absolutamente inaceptábeis e inxustificábeis".

"Non se lle deu importancia"

"Os abusos que se cometeron no pasado avergóñannos. Somos conscientes de que entón non se deu a necesaria importancia á dor e a pegada que estes actos podían deixar nas vítimas. Considerábase tan só como unha transgresión moral cando era un delito", reza o escrito, no cal se sinala que "só escoitar" as vítimas nos últimos anos permitiu comprender a dimensión dos abusos e a "insuficiencia" da resposta dada.

Finalmente, insisten en que a súa "prioridade" son as vítimas, ás que ademais de pedir perdón, queren "acompañar, desde o respecto, no proceso de clarificación e reparación que merecen".