Como coidar na casa dunha persoa con COVID-19?

854 persoas permanecen illadas nas súas casas por mor do coronavirus na Galiza (Arxina).
Na Galiza, máis de 850 persoas diagnosticadas de COVID-19 permanecen en illamento domiciliario. Recupéranse na casa porque cumpren algúns dos requisitos fixados polo Ministerio de Sanidade para estes casos.

Máis de 70% dos casos positivos por coronavirus na Galiza seguen desde as súas casas as recomendacións de coidados do Ministerio de Sanidade. Presentan síntomas leves e non cumpren os criterios de ingreso hospitalario acordados polas autoridades. Porén, deben atender unha serie de consellos para superar o contaxio e garantir unha convivencia segura dentro do propio domicilio.

A persoa contaxiada pode vivir soa

Non require vivir acompañada sempre e cando poida asegurar unha asistencia telefónica. Polo tanto, debe contar cun teléfono que garanta a comunicación permanente co persoal sanitario até a resolución dos síntomas.

Cuarto propio

Se a afectada convive con outras persoas é importante que dispoña dun cuarto propio onde poida permanecer illada. Un cuarto individual con ventilación ao exterior e a porta pechada.

Comunicarse polo móbil

A persoa contaxiada deberá comunicarse por móbil co resto das habitantes da casa, co fin de evitar saídas que comprometan a saúde das conviventes. Como norma xeral, o protocolo estabelece que non debería haber na casa persoas con condicións de saúde sensíbeis: de idade avanzada, enfermas crónicas, inmunodeprimidas, embarazadas… Con todo, cada caso valorarase de forma individual.

Cuarto de baño

Cando sexa posíbel, a doente illada deberá dispoñer dun baño para o seu uso exclusivo. Cando sexa necesario compartilo con outras residentes, haberá que limpalo con lixivia despois de cada uso. Tamén se recomenda que conte cun caldeiro para o lixo, de pedal e cunha bolsa de plástico fácil de retirar con todos os residuos que xere dentro da súa estancia.

Zonas comunitarias

Cando a paciente visite zonas comunitarias, deberá facelo con máscara respectando sempre unha distancia de seguridade co resto das persoas da casa de entre un e dous metros. Neste escenario, recomendan evitar calquera fonte de aire, fría ou quente. As zonas comúns deberán manterse ben ventiladas.

Enxoval

A persoa illada deberá contar cos seus propios pratos, vasos e cubertos, así como dispoñer da súa propia vestimenta, roupa de cama e toallas, e non compartir nunca o enxoval que use o resto das conviventes. O lavapratos e a lavadora poñeranse sempre a 60 graos e a roupa da persoa infectada haberá que lavala por separado.

Medidas de hixiene

A persoa enferma deberá seguir en todo momento as medidas hixiene respiratoria: cubrir a boca e o nariz ao tusir ou esbirrar co cóbado flexionado ou con panos de un só uso no cubo do lixo disposto para ela e lavar as mans con frecuencia, con auga e xabón ou con solucións hidroalcólicas.

Visitas

As visitas externas quedarán restrinxidas durante o tempo que dure o illamento. Porén, recoméndase dispoñer dun rexistro de entrada e saída diario das persoas que accedan ao cuarto de uso exclusivo da doente.