VÍDEO | Como chegou un veleiro de bandeira eslovaca a Muros desde os Estados Unidos?

O GES de Muros desprazouse ao lugar (Foto: GES de Muros).

O dono varou hai tempo en Estados Unidos, tendo que ser rescatado cun helicóptero.

Un veleiro de bandeira eslovaca apareceu no mediodía desta quinta feira varado na praia de Area Maior, no municipio de Muros, chegado despois de sufrir un naufraxio en augas dos Estados Unidos de América, segundo trasladou o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Muros.

O GES desprazou varios dos seus efectivos para inspeccionar o veleiro, no que se conserva enxoval da tripulación. Un veciño que paseaba polo areal muradán deu a voz de aviso no mediodía.

As primeiras hipóteses apuntan a que o barco estivo á deriva durante semanas nas que cruzou o océano Atlántico até tocar terra na costa galega empuxado polos temporais costeiros que se sucederon no litoral durante as últimas xornadas.

"O barco tiña unha inscrición pintada na que se sinala que se trata dun barco á deriva e na que se solicita contactar a un número de teléfono de salvamento dos Estados Unidos", sinala a Nós Diario a alcaldesa de Muros, María Lago.

"Atopouse dentro a documentación dun señor de nacionalidade eslovaca e contactouse co dono da embarcación, que fora á deriva hai tempo e tivera que ser rescatado por un helicóptero, e que agora vaise desprazar a Muros porque é quen se ten que facer cargo del a través do seu seguro", explica a alcaldesa.

"De temporal en temporal o barco acabou por chegar a Area Maior, os efectivos do GES xa procederon a amarrar a embarcación na praia para asegurala até o momento no que chegue o seu dono e xestione as accións necesarias", conclúe Lago.