28-M

Muros, Noia e O Xallas: comarcas que miran cara ao mar e o agro

As comarcas de Muros, Noia e O Xallas abranguen oito concellos nos que viven un total de 57.947 habitantes. Muros, Noia e Santa Comba son os municipios máis poboados. Os dous primeiros son motores de pesca e acuicultura e, xunto co Barbanza, representan 30% de toda a actividade neste sector, superando mesmo Vigo e O Salnés, segundo os últimos datos analizados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) no informe sobre o peso do sector primario na costa galega. A industria, pola contra, supón nestas tres comarcas só 9% da súa economía e emprego.
Poboación en cada concello (datos do IGE de xaneiro).
photo_camera Poboación en cada concello (datos do IGE de xaneiro).

Son comarcas veciñas as de Muros, Noia e O Xallas, pero as súas distintas localizacións xeográficas marcan de forma completamente distinta a socioeconomía e a paisaxe dos seus respectivos concellos. O mar dirixe a vida e os ritmos das comarcas de Muros e Noia. Un pouco máis aló, cara ao interior, Mazaricos e Santa Comba viven pendentes e dependentes do agro. Confrarías dun lado e cooperativas do outro tiran dos sectores produtivos de ambas as zonas para xerar a riqueza e o pulo que precisan os oito concellos que albergan.

A ría de Muros e Noia é unha das máis importantes fontes marisqueiras da Galiza. Os concellos viven de cara ao mar e a actividade da pesca e o marisqueo, xunto con industrias de acuicultura, son a fonte de ingresos de 47% da poboación activa destes municipios, fundamentalmente de Muros e Noia. Acompaña o sector primario na economía desta comarca un potente sector servizos que supón máis de 60% da actividade, e que responde á alza do turismo.

Os concellos cabeceira, Muros e Noia, teñen cascos antigos declarados Conxunto Histórico-Artístico, isto unido á excelente gastronomía, ás praias, ás comunicacións e á súa hostalería fan da zona, e por extensión dos seis concellos das comarcas de Muros e Noia, destino preferente de moitos turistas, tanto do resto da Galiza como doutras partes do Estado. Ademais, o escaso peso da industria nestas zonas, que non chega a 9% do seu PIB, ten alertado sobre a necesidade de diversificar a súa economía, moitas veces mermada pola estacionalidade, tanto do turismo como do marisqueo.

Na ría hai xa iniciativas que apostan pola súa materia prima e a internacionalización. É o caso dunha empresa de Muros que distribúe produtos do mar  até Dubai, Canadá, Alemaña, Países Baixos, Hong Kong ou mesmo Martinica.

O polbo de Porto do Son, as centolas de Muros e o berberecho e a ameixa de Noia son os seus produtos estrela. Ademais, na ría, na parroquia muradá de Tal, hai unha planta de cultivo do ábalon ou orella de mar, do que a zona é xa a maior produtora de Europa. Este molusco é moi prezado na China, no Xapón e en Corea, onde pagan polo quilo entre 80 e 2.000 euros, dependendo do seu tamaño.

A comarca do Xallas, leite e enerxía limpa

O Xallas é a maior comarca de produción láctea do país. O concello de Mazaricos lidera este ránking, con máis de 200 litros de leite ao minuto, unha cifra que xa desbancou o concello da Pastoriza (A Terra Chá). Segundo os datos oficiais da Consellaría do Medio Rural, a produción de leite nesta zona supera os 110 millóns de litros. O concello de Santa Comba, tamén no Xallas, ocupa a quinta posición de toda a Galiza.

Nesta comarca a importancia económica do sector está monitorizada de cara ao futuro polas numerosas cooperativas que operan desde hai anos no seu territorio. Para que sexa rendíbel, ademais, hai que modernizar o sector e implementar medidas como a que vén de facer a Cooperativa Láctea Grille, constituíndo unha comunidade de enerxía renovábel pioneira no agro galego. Esta cooperativa instalou nos tellados das granxas en Mazaricos unha planta fotovoltaica que a día de hoxe cobre 35% da necesidade enerxética desta industria, e aforra 20% nas facturas eléctricas, a razón de 1.000 euros menos en cada unha. Aliás, esta iniciativa pioneira abastece de enerxía Granxabar, a unión de cooperativas gandeiras do Xallas e A Barcala.

Eólicos e minaría

Os concellos de Lousame e Outes (Noia), Mazaricos e Santa Comba (O Xallas) e mais os municipios veciños da Baña e Negreira (A Barcala) e Val do Dubra e Brión (Compostela) teñen proxectados na zona parques eólicos, mais tamén parte desta zona está afectada pola minaría. O mes pasado rematou cunha mobilización en Compostela de veciñas e veciños das comarcas de Muros e Noia. Foron manifestarse perante a sede administrativa da Xunta da Galiza para protestar contra a mina de San Finx en Lousame e as súas verteduras ás augas que van dar á ría.

As confrarías acusan o Goberno galego de promover a mina e permitir as verteduras contaminantes. "Non imos consentir ningún tipo de toxicidade na nosa ría. Son moitos postos de traballo –40.000 entre directos e indirectos–, moitas bocas que alimentar e que están en perigo", dixeron os patróns maiores de Noia e Portosín (Porto do Son) na mobilización. Temen que tanto o peixe e o marisco como as praias sexan contaminadas, danando a cadea mar-industria mais tamén o sector turístico. BNG e PSdeG apoian a protesta da Plataforma Comarcal contra as Verteduras da Mina de San Finx, e esta apela os alcaldes e alcaldesas do PP para que se unan ás súas reclamacións.

A meirande parte de Alcaldías, en minoría

O mapa político destas comarcas cos resultados das municipais de 2019 deixou un balance de 5 concellos gobernados polo PP, o de Carnota polo PSdeG, o de Mazaricos polo BNG -con maioría absoluta- e o de Compromiso Outes nese municipio. A tónica dominante na zona é a de Concellos gobernados en minoría, logo de que en moitas sesións de investidura houbera tres candidatos propostos e cada partido votase os seus. É o caso da alcaldesa de Muros, do PP, empatada a concelleiros co PSdeG; ou o de Outes onde tamén houbo empate entre CO e PP. Unha moción de censura en 2021 cambiou de cor o goberno de Santa Comba do PSdeG ao PP.


Os alcaldes apostan polo sector primario, servizos e industria

Os alcaldes Juan Manuel Saborido (Carnota), Juan Branco (Mazaricos) e Santiago Freire (Noia).
Os alcaldes Juan Manuel Saborido (Carnota), Juan Branco (Mazaricos) e Santiago Freire (Noia).

Alcaldes de concellos situados nas comarcas de Muros, Noia e O Xallas teñen claro o peso que o sector primario, nun caso pola pesca e noutro pola gandaría, supón para as economías locais. O rexedor de Mazaricos, Juan Branco (BNG), en conversa con Nós Diario, destaca as políticas municipais de apoio ao sector gandeiro e tamén as sociais para as persoas maiores como fundamentais para a zona. O alcalde nacionalista sinala ademais o turismo como un dos valores en alza no concello, “incrementamos en 500% as prazas de aloxamento turístico e traballamos nunha senda verde de 64 quilómetros entre Mazaricos, Zas e Santa Comba con saída ao mar” como novo reclamo.

O sector gandeiro é o epicentro deste concello, o alcalde nacionalista explica que desde o Goberno local “fixemos traídas de auga para máis de 15.000 animais das explotacións e mantemos as infraestruturas”, conscientes de que o medre do sector e a súa modernización e profesionalización non só son o presente senón tamén o futuro de Mazaricos.

Como retos pendentes, o alcalde Juan Branco aposta polo asentamento de máis empresas e a chegada da fibra ao 100% dos fogares do municipio. Ademais Mazaricos gañou a última batalla contra os novos proxectos de macroparques eólicos, alegando contra eses proxectos e abandeirando a veciñanza, mesmo con contenciosos, co resultado de que de nove parques presentados, só queda un en pé. Ademais o concello subiulles o imposto de obras, construcións e instalacións (ICIO) de 2 a 4%.

O rexedor de Carnota, Juan Manuel Saborido (PSdeG), ten claro que a suma do turismo, a pesca e a mais a hostalería de calidade son o futuro do seu concello. Por iso aposta por reforzar a industria asociada ao seu sector primario con colaboracións coas conserveiras ou a granxa de rodaballos.

As obras de saneamento, pluviais e pavimentación nas parroquias son tamén moi precisas en Carnota e o fortalecemento dos seus servizos públicos. Carnota traballa no seu PXOM coa idea de que o concello teña máis espazos verdes e de costa e menos cemento. Os retos no municipio tamén pasan por reforzar a Atención Primaria e renovar as vellas instalacións do seu centro de saúde. E no eido educativo atender ao incremento de alumnos e alumnas.

Santiago Freire (PP), alcalde de Noia, destaca actuacións de calado en marcha no seu concello como a construción do novo centro de saúde, que substituirá o actual con 25 anos, e que ten que dar servizo a 32.000 habitantes da comarca. Ademais está pendente un centro de día e ficaron adxudicadas as obras para converter o antigo estaleiro de Abruñeiras nun edificio de usos náuticos e deportivos, que estará en servizo este verán.

Comentarios