O comité intercentros da CRTVG exixe dimisións ante os "novos episodios de manipulación informativa"

A ministra Ione Belarra, na foxa de Colmenar Viejo, preguntada pola canle de extrema dereita 'EDATV'. (Foto: Europa Press)

"O único corte escollido pola dirección da TVG para ilustrar a noticia das foxas comúns non se refería en absoluto a ela, senón que recolleu a pregunta dun blogue de internet da extrema dereita que inquiría a ministra Belarra sobre os mortos de Paracuellos, un episodio que a ultradereita utiliza decote nos seus discursos", lamentan, ao tempo que alertan da "deriva ideolóxica" da corporación.

O comité intercentros da CRTVG vén de alertar, a través dun comunicado, da "deriva ideolóxica" da corporación após os "novos episodios de manipulación informativa", en referencia á emisión da pregunta dunha canle de YouTube de extrema dereita á ministra Ione Belarra durante a presentación dos traballos de exhumación dunha foxa común en Colmenar Viejo (Madrid).

"O único corte escollido pola dirección da TVG para ilustrar a noticia non se refería en absoluto a ela, senón que recolleu a pregunta dun blogue de internet da extrema dereita que inquiría a ministra Belarra sobre os mortos de Paracuellos, un episodio que a ultradereita utiliza decote nos seus discursos", lamentan.

Os cen primeiros días de Rueda

Nese mesmo informativo, emitido na cuarta feira, lembran que tamén se emitiron unhas declaracións de Paula Prado, secretaria xeral do PPdeG, facendo unha valoración positiva dos cen primeiros días de Alfonso Rueda na presidencia da Xunta, unha peza "elaborada a partir dun vídeo remitido polo propio partido, con micrófono do PP e sen intervención de ningún xornalista da TVG".

"Tampouco se incluíron declaracións doutras formacións políticas con representación, incumprindo o principio legal de reflectir o pluralismo ideolóxico do país e manter a neutralidade informativa", sinalan.

"Ausencia de perspectiva de xénero"

Outro dos casos que salientan desde o comité intercentros é a "ausencia de perspectiva de xénero e incumprimento do deber de fomento de accións positivas en materia de igualdade" na promoción da serie Saudade de ti, con mensaxes como "o amor de verdade fai sufrir" ou "o amor de verdade é pura loucura".

O comité exixe dimisións e avanza que xa traballa nunha "resposta contundente a esta deriva ideolóxica"

Ante o que o persoal agrupado neste colectivo cualifica de "novas manifestacións do uso partidista e irresponsábel da CRTVG" e "recollendo a fartura do cadro de persoal", exixen as dimisións da directora da Área de Información, Concepción Pombo Romero, e do subdirector Alejandro López Carballeira, así como dos dous redactores xefes e do responsábel do Telexornal Mediodía. Tamén urxen o cesamento do director da Área de Contidos, Fernando Rodríguez Ojea, e das directivas Rosa Sierra e Vanessa Grela.

"Este ataque sen precedentes ao servizo público obriga á representación legal do persoal da TVG e da Radio Galega a denunciar que a situación interna é insostíbel e a avanzar que xa traballa no deseño dunha resposta contundente a esta deriva ideolóxica que permita avanzar na erradicación da manipulación informativa e do sexismo na CRTVG", conclúen.