O Comité da CRTVG pide a “intervención urxente da Xunta e do Parlamento” ante o “delirio informativo partidista” do ente

Redacción da CRTVG nos estudos de San Marcos, en Compostela. (Foto: CRTVG)

A representación do persoal dos medios públicos esixe o cesamento inmediato do Director Xeral e dos responsábeis “da manipulación informativa”

O Comité Intercentros da Corporación de Radio-Televisión de Galiza (CRTVG) pedirá a intervención urxente da Xunta de Galiza e do Parlamento galego para que actúen para pór fin a unhas prácticas “incompatíbeis coa prestación do servizo público que o ente ten ditado por lei, nomeadamante unha manipulación informativa que consideran xa un gravísimo delirio partidista”.

Para iso, o comité vén de solicitar xuntanzas co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e os líderes da oposición, Ana Pontón (BNG) e José Ramón Gómez Besteiro (PSdeG), a quen trasmitirán a gravidade da situación que atravesan a radio e a televisión públicas, instándoos a que fagan o que estimen conveniente para renovar unha cúpula que perdeu o norte.

Segundo o comité de empresa, tanto a TVG como a Radio Galega “abandonaron todo respecto polas mínimas normas deontolóxicas do xornalismo e reproducen sen pudor en cada informativo un ideario calcado de arriba a abaixo, sen fisuras e cunha tendencia partidista evidente, de xeito que a  CRTVG, traizoando as súas encomendas de servizo público, funciona só como o máis eficaz órgano de propaganda do partido que goberna”.

“A manipulación agravouse”

A manipulación -denuncia o comité- agravouse especialmente na RG, onde o pasado 23 de outubro, xa ben iniciada a temporada de outono, se produciron “sorpresivos” cambios organizativos e de contidos “que a empresa non quixo xustificar e que o persoal interpreta en chave de incrementar o control político e apartar dos micros ás profesionais que se negan a escribir ao ditado dos intereses da dirección”.

Coas mudanzas, sinala o comité, tanto nos boletíns horarios (“camuflados agora entre programas de entretemento nos que custa distinguir a información da opinión”) como nos espazos informativos, moitas redactoras e redactores perderon carga de traballo, concentrada nunhas poucas persoas da confianza da dirección.

Apunta o Intercentros que a liña editorial da Crónica das Dúas -coordinada por Xosé Manuel Valiñas- ou da Crónica da fin de semana da RG -en mans de Luís Ojea-, aseméllase máis á dunha emisora de ultradereita que aos criterios de imparcialidade, veracidade e pluralidade que ten a obriga por lei de respectar a CRTVG pola súa consideración de servizo público esencial.

Mesmo no tratamento do conflito na Faixa de Gaza, lamenta o comité de empresa, séguese a liña que marca o PP desde Madrid. Para  o comité é “intolerábel” que o relato informativo dos medios públicos da Galiza estea “tan pegado aos intereses do partido no Goberno galego, e que mesmo se chegue ao punto de deformar a visión dun conflito bélico de primeiro nivel para dar a visión de quen está na oposición ao Goberno estatal”.

 

“A manipulación practícase sen pudor”

A manipulación, lembra o comité de empresa, continúa a practicarse “sen pudor” tamén nos telexornais da TVG, “onde se repite o mesmo ideario que manexa e lle convén ao Partido Popular”.

Como mostra, din, “o gravísimo feito de ocultar esta mesma segunda feira no Telexornal Mediodía o resultado da  repetición electoral do pasado domingo no concello de Castro Caldelas, onde gañou as eleccións a candidata á alcaldía do PSdeG, cando o día das votacións se fixera un seguemento informativo intenso, chegando a ser o propio domingo primeiro titular do Telexornal Serán”.

Abondando no mesmo, esa mesma fin de semana “asistimos á deturpación informativa sobre un acto de precampaña do PPdeG do candidato Rueda a bordo do autobús Galicia non para! en Cangas, que se noticiou nos informativos da televisión pública como un acto institucional do Presidente da Xunta”.

Lamentabelmente, denuncia o Intercentros, os novos medios son outro campo de batalla ideolóxica. “Nas redes sociais dos informativos irrompen abruptamente vídeos con músicas e comentarios informais que non só repiten falacias partidistas, senón que por riba se permiten frivolizar con temas que xeran preocupación social como a violencia machista, instando a opinar sobre feitos delitivos, ou chanceando sobre a falta de noticias con perspectiva galega un domingo. Sorprendente afirmación, opina o comté de empresa, feita nun medio cuxa razón de ser é este país, gran verdade cando a cabeza está en Madrid e non en Santiago de Compostela”

O cadro de persoal da CRTVG, asegura o Intercentros, é consciente da responsabilidade que exerce cada día nun medio que é de servizo público e quere sentirse útil e parte activa para acadar unha sociedade máis xusta, democrática e plural. Neste sentido, as representantes legais do cadro de persoal denuncian o ostracismo co que se castiga a cotío á meirande parte das profesionais, “que  non se pregan a escribir noticias ao ditado dos intereses do Partido Popular, unha modalidade de acoso que está a provocar graves danos psicosociais nun cadro de persoal que leva mobilizado 288 semanas a través do movemento Defende a Galega”.

O Comité Intercentros, consciente de que “a maquinaria manipuladora se intensificará aínda máis de cara ás inminentes eleccións autonómicas, esixe o cesamento inmediato de todas as persoas responsables desta anomalía democrática, nomeadamente de María Concepción Pombo Romero e Alejandro López Carballeira, directora e subdirector da Área de Información da CRTVG, pero tamén de toda a estrutura directiva que ampara co silencio e a connivencia a utilización partidista e o secuestro dos medios públicos de comunicación de todos os galegos e galegas”.