Dereita e extrema dereita alíanse para impedir que a Comisión de Peticións da UE debata sobre a manipulación na TVG

Comisión de Peticións do Parlamento da UE (Foto: UE)
 O BNG acusa o PP de  vir con eurodeputados que non forman parte desta comisión parlamentaria, como o eurodeputado galego Millán Mon, para votar en contra do traslado desta demanda".

A eurodeputada do BNG Ana Miranda denunciu esta quinta feira a “pinza” executada no Parlamento Europeo entre o PP, Vox e Ciudadanos para “impedir que a Comisión de Peticións debata a denuncia presentada hai uns meses por traballadores e traballadoras da CRTVG sobre a manipulación informativa” na canle pública galega. ”É escandalosa tamén no Parlamento Europeo a alianza entre a dereita e a extrema dereita”, considera Miranda.

A eurodeputada nacionalista lembra que a denuncia presentada por traballadores e traballadoras do ente público galego foi declara admisíbel pola Comisión de Peticións no mes de setembro deste ano, mentres que esta cuarta feira, na denominada reunión de coordinadores dos grupos políticos, produciuse un empate técnico á hora de decidir a inclusión desta petición na axenda de xaneiro.

“Produciuse un empate técnico 14 - 14, xa onte o grupo no que está Ciudadanos votou a favor, pero o que hoxe fixo o Partido Popular é vir con eurodeputados que non forman parte desta comisión parlamentar, como o eurodeputado galego Millán Mon, para votar en contra do traslado desta demanda, o mesmo que fixo Vox”, explica Ana Miranda, quen tamén critica á posición da presidenta da Comisión de Peticións -a popular Dolors Montserrat-, “ao non manter a neutralidade que se lle presupón e que debería rexer as súas actuacións”.

Segundo sinala a eurodeputada nacionalista, “hai moita xente que se lle enche a boca para falar de liberdade de expresión, pero cando vén unha denuncia de traballadores e traballadoras que incluso están gañando na xustiza, votan en contra”. Igualmente, critica que eses deputados “entren en avalancha para votar en contra dos dereitos da cidadanía e aos cinco minutos marchan”.

Ana Miranda lembra que o Comité de Empresa de traballadores e traballadoras da CRTVG leva máis de cinco anos denunciando a manipulación informativa na televisión pública galega, a discriminación, e a falta de liberdade de expresión nos coñecidos como #VenresNegros. “Desde o BNG amosamos todo o noso apoio ao colectivo Defende a Galega, que mañá cumprirá a semana  289 de protestas e reivindicacións, e seguiremos defendendo as súas demandas en Europa”, destaca.