O comité clínico restrinxe a mobilidade en Cambados, Vilanova de Arousa, Laza e Cualedro

Primeira fin de semana no Grove sen fechamento perimetral. (Foto: Beatriz Císcar / Europa Press)
A Xunta e o grupo asesor acordaron nesta reunión de traballo incorporar novos municipios ao nivel máximo de restricións, que implica o fechamento perimetral e o paro da hostalaría, entre outras cuestións. En calquera caso, as medidas a estipular cando remate o estado de alarma decidiranse na quinta ou sexta feira, tal e como anunciou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, onte mesmo. Malia todo, segue a ser moi crítico co papel do Goberno estatal na futura xestión da pandemia.

A Consellaría de Sanidade anunciou hai uns instantes que ficarán no nivel máximo de restricións con motivo da evolución epidemiolóxica da Covid-19 os municipios de Cambados, Vilanova de Arousa, Laza e Cualedro, que leva varias semanas nesta situación. Así o acordou coas expertas e expertos do comité clínico que asesora á Administración sobre as medidas a tomar fronte ao virus.

No nivel alto de risco, que tamén ten derivadas algunhas limitacións, estarán estes días dez vilas. En concreto serán A Merca, A Pastoriza, A Laracha, Coristanco, Ribeira, Mesía, Marín, Gondomar, Salceda de Caselas e Padrón.

Ademais, no nivel medio-alto debido aos datos do virus permanecerán, a partir da medianoite da sexta feira, Carballeda de Valdeorras, Verea, Muíños, Verín, Xinzo de Limia, Allariz, Toén, Cerdedo-Cotobade, Chantada, Meira, Carballo, Vilagarcía de Arousa, Soutomaior, Fornelos de Montes, Vigo, Cangas, O Porriño, Tui, Nigrán, Lalín, Silleda, Noia, Melide, Ordes, Betanzos e Cambre.

O resto dos municipios ficarán no chanzo medio-baixo da alerta, polo que haberá actividade quer no interior, quer no exterior dos locais de hostalaría, pero de forma limitada. A mobilidade, no entanto, será libre dentro das localidades do mesmo nivel e sempre que non se pretenda saír fóra da Galiza sen causa xustificada.

Probabelmente o resto de detalles do encontro sairán mañá á luz, se vén xa estaba previsto que este encontro fora destinado a falar da situación sanitaria a nivel xeográfico.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, e a ex conselleira de Sanidade e membro do comité, Pilar Farjas, xa avanzaron onte que a idea é que as restricións a estipular para cando decaia o estado de alarma a nivel estatal van saír dun encontro que se celebrará na quinta ou sexta feira.

Enfado pola decisión de que o Supremo teña a última palabra

As prohibicións entrarán en vigor na propia fin de semana, pois o cambio nas regras desta crise sanitaria vaise dar o día 9. Malia que hoxe haberá Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS) e o Goberno galego quere escoitar ao resto de territorios, Núñez Feixoo xa deixou aberta a porta a reducir a mobilidade por concellos e mesmo mudar os horarios das distintas actividades.

Hoxe mesmo volveu a cargar contra a decisión do Executivo do Estado español de non prorrogar máis o estado de alarma malia a petición de varias Administracións.

Na súa opinión, o feito de que a equipa de Pedro Sánchez mudase unha norma para que sexa o Tribunal Supremo o que decida sobre as restricións de cada zona, reflicte “unha pertinaz posición de non querer lexislar nin deixar lexislar ás comunidades e apostar pola xudicialización da pandemia”.