Covid: Goberno español muda a lei para que o Supremo teña a última palabra sobre as restricións das autonomías

Mantense até o 9 de agosto a garantía de subministración de auga e enerxía e o bono social; a suspensión dos desafiuzamentos e a prórroga extraordinaria dos contratos de arrendamento de vivenda habitual; e a consideración de servizos esenciais aos recursos contra a violencia de xénero.
O Consello de Ministros depois dos cambios na composición do Executivo. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera O Consello de Ministros depois dos cambios na composición do Executivo. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O Goberno español aproba hoxe un decreto para regular a nova fase que se abrirá o 9 de maio após a fin do estado de alarma que, entre outras cousas, vai permitir ás Comunidades Autónomas recorrer perante o Tribunal Supremo as decisións que adopten os Tribunais Superiores de Xustiza sobre as restricións que aproben para seguir loitando contra a pandemia, segundo explican a Europa  Press fontes gobernamentais.

O Executivo estatal sinala que facilita así aos Gobernos autonómicos unha vía para interpoñer recursos de  casación, nos casos de que os Tribunais Superiores dos seus territorios tomben as súas medidas.

É dicir, búscase unificar doutrina e evitar que ocorra como o pasado verán, cando após o fin do estado de alarma algunhas decisións da xustiza foron contraditorias, e nalgúns territorios permitíronse restricións que noutros, non.

Até o de agora, os Gobernos autonómicos só podían acudir ao Supremo cando interviñan como autoridades delegadas do Executivo estatal, é dicir, durante a vixencia do estado de alarma que lles outorgaba este status, segundo explican fontes xurídicas a Europa  Press. Con todo, este instrumento decaerá o sábado a media noite, e con el, esa posibilidade de chegar ata o Supremo.

Escudo social

O decreto desta terza feira tamén inclúe medidas para controlar os pasaxeiros internacionais, e aproba a prórroga dalgunhas medidas do escudo social cuxa vixencia ía ligada ao estado de alarma, como a posibilidade de cobrar a xubilación e seguir exercendo a medicina ou a enfermería para a xestión do  COVID.

Tamén se mantén a suspensión das reunións das Xuntas de propietarios até o 31 de decembro.

E mantense até o 9 de agosto a garantía de subministración de auga e enerxía e o bono social; a suspensión dos desafiuzamentos e a prórroga extraordinaria dos contratos de arrendamento de vivenda habitual; e a consideración de servizos esenciais aos recursos contra a violencia de xénero.

Comentarios