A Xunta abre a porta aos fechamentos por municipios após a fin do estado de alarma

Alberto Núñez Feixoo nun acto en Pontevedra. (Foto: David Cabezón / Xunta da Galiza)

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, falou desas restricións á mobilidade e de limitacións de horarios como posíbeis solucións para evitar o incremento dos contaxios da Covid-19 ao remate da alerta no Estado español. Porén, aclarou que a decisión definitiva sobre as medidas a tomar non se tomará até a quinta ou sexta feira.


 

Co levantamento do estado de alarma o día 9 ratificado polo Goberno estatal e unha reunión do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS) na axenda, a Xunta xa anda a pensar en como pór solución á situación descontrolada que podería darse despois de que a norma que permite os fechamentos perimetrais e o toque de recoller deixe de estar vixente. As primeiras afirmacións apuntan a que a intención é procurar mecanismos que permitan reducir a mobilidade nos termos municipais.

Así o comentou hoxe o presidente do Executivo galego, Alberto Núñez Feixoo, que falou do asunto no acto de inicio das obras do hospital Gran Montecelo, en Pontevedra.

Polas últimas conversas mantidas, o Comité Clínico que asesora á Xunta sobre a evolución da pandemia é partidario de “seguir aplicando pechamentos perimetrais nos municipios e limitacións nos horarios das actividades, singularmente a hostalaría”.

Malia que Feixoo fai unha lectura dos datos que permite “ir deixando sen efecto o toque de recoller e ampliar os horarios”, opina que é unha cuestión a meditar porque pode ter os seus riscos, quer na Galiza, quer noutros territorios.

En calquera caso, defendeu que todas as limitacións propostas polo grupo asesor foron “aceptadas” polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza e agora “ábrese unha nova etapa”.

"A ver que di o Goberno central e, por tanto, unha vez que teñamos o parámetro de comportamento nacional, de toda España, veremos como concretamos os parámetros”, remarcou.

En calquera caso, á marxe de que o Consello Interterritorial teña a reunión de traballo o mércores, no país haberá que agardar á quinta ou sexta feira para que “concreten” as medidas que van substituír ao estado de alarma. Estas entrarían en vigor na fin de semana.

Isto fai que na reunión habitual da terza feira o máis urxente sea analizar as cifras por concellos, para seguir actuando como até o de agora.

Impedir a mobilidade nocturna en xeral

En declaracións a Europa Press, a ex conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, -que é unha das expertas do comité- sostivo que a restrición de horarios segundo a actividade podería ser unha medida “eficaz” para evitar o empeoramento epidemiolóxico, pois xa funcionou ben no pasado.

Así defendeu que se manteñan medidas locais de fechamentos perimetrais e restricións en horario que, de facto, supoñan unha especie limitación de mobilidade nocturna.

Malia todas estas premisas, Feixoo insistiu na crítica á decisión da equipa de Pedro Sánchez ao remarcar que, o “optimismo”, non implica “que en España non haxa comunidades en alto risco que van quedar sen o instrumento axeitado para a pandemia”.