Feixoo pide ás vacinadas coa AstraZeneca que avisen de calquera efecto secundario

Feixoo na rolda de prensa para informar das medidas sanitarias. (Foto: Xunta da Galiza)

O representante do Executivo galego incidiu en que advirtan as autoridades sanitarias se teñen “dores de cabeza ou sintomatoloxía similar”, após transcender un falecemento por un ictus que podería estar relacionado co fármaco. En Europa continúan investigando as tromboses en persoas inoculadas co remedio.

O presidente do Executivo galego, Alberto Núñez Feixoo, instou ás e aos 90.000 galegos que xa recibiron a vacina contra a Covid-19 de AstraZeneca -cuxa inoculación está parada temporalmente- a avisar á Consellaría de Sanidade ante “calquera indicio” dun efecto secundario grave.

Durante a rolda de prensa para pormenorizar os acordos acadados na reunión do comité clínico desta terza feira, Feixoo explicou que eses efectos serían “dores de cabeza ou sintomatoloxía similar”.

Malia que nun primeiro momento desde a Xunta afirmaban que as persoas tratadas non tiñan que facer nada especial por recibir unha ou as dúas doses do medicamento, dadas as últimas novas de episodios de tromboses e mesmo un ictus que podería estar relacionado coa AstraZeneca agora piden que se contacte coas “autoridades sanitarias”, sexa a médica de cabeceira ou o Sergas.

Se ben o propio Feixoo dicía esta mesma semana que xa tiñan localizadas a todas as pacientes, urxe a que sexan estas as que avisen e non anuncia ningún tipo de control especial por parte da súa equipa.

Aínda así fixo súas as palabras da Axencia Europea do Medicamento (EMA), que até o de agora “segue a afirmar que a vacina é segura, fiábel e efectiva” pero mantén a investigación polos efectos secundarios aberta.

O político comentou que hai “máis beneficios que prexuízos”, mais hai que ser “prudente” e dar coa “causa definitiva” dos trombos. No Estado español xa se deron en tres cidadás, unha delas co resultado de morte.

De cara a obter as “máximas garantías” con calquera remedio, dixo que hai que “planificar de novo” a estrutura de vacinación. De feito, lamentou este paro como un “contratempo non menor” para o país, posto que na Galiza a de AstraZeneca era a vacina máis usada.

Por iso tamén solicitou “celeridade” as distintas axencias que estudan os sucesos acaecidos.