O Comité Clínico desbota novas restricións e fai seguimento da presión hospitalaria

Dispositivo para o cribado en Vigo. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)
A falta de persoal provoca que non se abrisen hospitais de campaña

A Xunta non anunciou restricións esta noite. Non transcendeu nada do falado e acordado no decorrer da reunión de traballo co comité que asesora á Administración galega sobre a evolución da pandemia, mais semella que a equipa centrou os seus esforzos en analizar os datos.

Igualmente non se anunciou a organización dun hospital de campaña, o que podería ter relación coa falta de persoal dispoñibel. Os datos de afección e ingreso de persoas nas UCI que ofrece a Xunta non se corresponden ao número de camas dispoñíbeis. A priori, o Goberno galego está a reducir o impacto nestas unidades ao estimar espazos de coidados intensivos que non están dispoñíbeis.

No caso de que haxa novas medidas, estas serán publicadas no Diario Oficial da Galiza (DOG) entre hoxe e mañá. Ademais, está previsto que esta cuarta feira haxa unha comparecencia do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, para dar detalles do encontro e das estatísticas que van marcar os próximos días no país.

O incremento proposto das restricións polo comité clínico -posto en dúbida porque a metade das e dos seus membros son cargos políticos- non sorprende despois de sumar xornadas e xornadas de incremento dos contaxios, a presión hospitalaria e cribados masivos, nalgúns casos moi mal organizados segundo denuncia a poboación.

Ademais, os traslados entre centros, a mestura de datos sobre a mortalidade e o adiamento de citas doutras patoloxías fai case imposíbel un seguimento externo da xestión. A normalidade está lonxe, pois tamén hai impedimentos para cruzar a fronteira con Portugal e preparativos ante posíbeis novas cepas da Covid-19.

Á espera do Goberno do Estado

Porén, pouca marxe de movemento lle queda xa ao Executivo galego tendo en conta todas as limitacións estipuladas a semana pasada, como o fechamento perimetral xeneralizado e a limitación de horarios nos comercios non esenciais, así como o parón en toda a hostalaría.

Para avanzar faría falla un permiso do Estado español, tanto se se fala dun confinamento duro coma o de marzo de 2020 como de adiantar o toque de recoller.