A OMS investiga se a vacina de Pfizer causa doenzas do corazón

A subdirectora xeral da Organización Mundial da Saúde para o Acceso a Medicamentos e Produtos Sanitarios, Mariângela Simão, recoñece que as expertas estudan algúns casos de miocarditis e pericarditis.

Un centro de vacinación habilitado en Madrid. (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press) #pfizer #oms #vacina #coronavirus #efectossecundarios
photo_camera Un centro de vacinación habilitado en Madrid. (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press)

A OMS traballa en aclarar a suposta relación da vacinación contra a Covid-19 co fármaco de Pfizer con episodios moi puntuais de miocarditis e pericarditis nalgunhas persoas nos Estados Unidos de América e en Israel.

Así o recoñeceu na segunda feira a subdirectora xeral da Organización Mundial da Saúde para o Acceso a Medicamentos e Produtos Sanitarios, Mariângela Simão, que afirmou que até o de agora só saben de casos neses dous estados.

“Seguimos a investigar se está relacionado coa vacina ou é parte da distribución normal”, engadiu.

Mentres se analizan as causas nas que acaeceron esas doenzas de corazón en persoas xa tratadas contra o virus, o director executivo do Programa de Emerxencias Sanitarias da OMS, Mike Ryan, puntualizou as palabras da súa compañeira nun intento de tranquilizar á poboación mundial despois doutros sucesos ligados aos remedios de AstraZeneca e Janssen.

"Aínda que son notábeis e necesitan un seguimento, só para tranquilizar á xente, que estes foron casos leves autolimitados", subliñou.

Neste contexto a Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS) defendeu que “non se pode estabelecer que exista unha relación causal entre a aparición de miocarditis ou pericarditis e a vacinación”.

No entanto, na Axencia Europea do Medicamento (EMA) tamén están en alerta ante a aparición de posíbeis casos, malia que os coñecidos “non foron graves, resolvéronse nuns días e na súa maioría afectaron a homes novos”.

Por outra banda, o director xeral da OMS, Tedros Adhanom Ghebreyesus, comunicou que, a nivel mundial, o número de novos casos de coronavirus notificados á institución que preside "diminuíu durante sete semanas seguidas, o que constitúe a secuencia máis longa de descensos semanais durante a pandemia até o de agora".

Comentarios