O comité clínico decide a vindeira semana as restricións do Entroido

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha rolda de prensa na sede da Consellaría de Sanidade (Foto: Europa Press).
Decidirase cantas persoas poderán reunirse nas tradicionais papatorias.

O comité clínico, que previsibelmente se reunirá a vindeira terza feira, 25 de xaneiro, abordará o protocolo para a celebración do Entroido na Galiza no contexto da vaga de Ómicron, así como o límite de persoas nas comidas con motivo destas festas para "reducir o seu impacto" nos contaxios.

Así o explicou esta sexta feira o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, en resposta a preguntas dos medios por mor da súa visita oficial ao Hospital comarcal de Valdeorras. "Temos un borrador dese protocolo, que trasladaremos no próximo comité clínico para aprobación se é o caso", afirmou.

A respecto desta cuestión, Comesaña incidiu en que a Consellaría está a ultimar este protocolo porque, "malia que o entroido queda lonxe", matizou, "especialmente na área de Ourense desde o 7 de febreiro xa comeza haber algún tipo de actuación".

Segundo avanzou, "é un protocolo que incide, sobre todo, no uso dos espazos exteriores, na distancia, a máscara..." e que, abundou, "regula de modo específico as características destas festas tan populares en Ourense". "A idea é que na reunión do comité clínico da terza sexa aprobado e difundido", sostivo.

Xuntanzas

En relación á limitación de persoas nas comidas tradicionais con motivo do Entroido, o titular de Sanidade lembrou que na actualidade o número que se recomenda é dez, aínda que as persoas expertas valoran agora valorarán se se mantén ou reduce.

Neste senso, salientou que se trata dunha medida para "tentar reducir a concentración de persoas nunha contorna tan arriscada como é un xantar", onde se quita a máscara, coa fin de "tratar de reducir o impacto". "Non falamos de eliminalas, mais si de reducir o número de comensais para diminuír a probabilidade de contaxio neses eventos", concluíu.

Vacinación de menores de 30

Precisamente na terza feira, coincidindo coa reunión programada do comité clínico, principiará na Galiza a vacinación coa terceira dose das persoas de entre 18 e 29 anos.